Escoitar

O Concello adicou 5 millóns á creación directa de emprego durante o ano 2022

O alcalde situou esta mañá en 5 millóns o orzamento destinado á creación directa de emprego durante o pasado ano. Unha cifra á que hai que engadir miles de postos de traballos xerados nas obras que o Concello ten en marcha por toda a cidade.

martes, 14 feb 2023

O Concello investiu en programas de emprego 4,8 millóns en 2022. Así o explicou o rexedor esta mañá, antes de saudar aos asistentes a unha reunión informativa sobre as achegas municipais destinadas a que asociacións sen ánimo de lucro poidan contratar persoal.

Cun orzamento de 1.140.000 euros, o ano pasado beneficiáronse 79 entidades que xeraron 206 empregos. Deste xeito, explicou o rexedor, facilítase experiencia laboral a persoas desempregadas e empadroadas en Vigo, ademais de contribuír ao funcionamento ordinario das asociacións.

Os colectivos que se poden acoller a estas axudas son as veciñais; culturais; sociais; asistenciais; sindicais; empresariais; comunidades de montes ou entidades deportivas. As subvencións cobren os custos salariais e de seguridade social por un período máximo subvencionado de 9 meses por cada posto de traballo solicitado.

Outros programas

Ademais do programa de Fomento de emprego para entidades sen ánimo de lucro, o Concello ten en marcha outras iniciativas para xerar postos de traballo. Garantía Xuvenil (Formaweb IV), con 401.093 euros; Vigo Capacita VII e VIII, con 915.473 euros; convenios nominativos coa Rede de Mulleres veciñais, UGT, CIG, CCOO, Seafest, Navalia, Foro Emprego, entre outros, con 255.918 euros; cooperación Risga, con 881.000 euros; Plan Municipal de Emprego, con 788.000 euros; Axudas municipais á contratación, con 150.000 euros para transformar contratos temporais en fixos e novas contratacións; axudas municipais á creación de empresas, con 335.000 euros.

Segundo indicou, a esta relación habería que engadir o programa Vigo Emprende que asesora a emprendedores. Cun orzamento de 207.000 euros, prestou 4.000 servizos e xerou 215 postos de traballo aproximadamente.

Ademais da creación directa de emprego, o Concello xera miles e miles de empregos a través das obras que están en marcha.

Descargar todas as imaxes