Escoitar

O paseo do Lagares chegará aos 11 quilómetros co novo tramo entre Manuel Álvarez e a avenida de Madrid

O goberno local aprobará unha ampliación de tres meses para desenvolver as obras de 3,3 km de paseo fluvial do Lagares que se esta executando entre Manuel Álvarez e a avenida de Madrid, o que permitirá acadar unha extensión de 11 km o actual corredor. Esta actuación, interrompida polas choivas, é un paso máis na transformación do río no principal corredor ecolóxico da cidade, dixo o rexedor.

venres, 27 xan 2023
Imaxe de arquivo do inicio dos traballos.
Imaxe de arquivo do inicio dos traballos.

O alcalde deu conta esta mañá do estado das obras do paseo fluvial do Lagares no tramo que discorre entre Manuel Álvarez e a avenida de Madrid. Os traballos comezaron en setembro, cunha previsión de duración de catro meses, pero as intensas choivas impediron a execución tal e como estaba prevista polo que foi preciso ampliar en tres meses este prazo. Ademais, explicou o rexedor, incorporaranse algunhas modificacións para mellorar o o paseo adaptándose mellor ás condicións do terreo. Esta ampliación, precisou, non suporá incremento orzamentario algún.

En rolda de prensa, Caballero explicou que o tramo en obras dá continuidade ao corredor existente e permite enlazar co existente, entre Manuel Álvarez e o Mercado de Cabral, e a desembocadura do Lagares. Na súa opinión, esta actuación é un paso máis na transformación do Lagares no principal corredor ecolóxico da cidade.

Desde o seu nacemento ata o final do seu curso, o río ten unha lonxitude de 17,7 km, con 8 km de paseo, que se verán incrementados nun 40%, cos 3,2 km que comezaron a construírse hoxe. Desta totalidade, 2,8 km descorrerán sobre o terreo natural cun ancho de 2,5 metros. Outros 400 metros de paseo estarán formados por estruturas de paso, ben pontes para o cambio de marxe, o ben para salvar obstáculos ou zonas de difícil relevo.

Este novo paseo enmárcase dentro dun corredor natural de 28.700 m2 que será obxecto de adecuación como zona verde de especial valor natural para o que se plantarán 140 árbores de gran porte como carballos ou freixos. Tamén se sementarán 640 exemplares de pequenas árbores ou arbustos para recuperar a biodiversidade deste espazo fluvial. En total, plantaranse 780 exemplares.

Tal e como explicou, este tramo do río que percorre as terras de Lavadores agocha enclaves dunha especial riqueza natural, como as ribeiras da parte baixa de Cambeses que son “excepcionais” e outros espazos como unha fervenza de case 30 metros de altura, coñecida como Pozo da Serpe, ou singulares infraestruturas hidráulicas de condución de auga ou de antigos aproveitamentos hidroeléctricos.

Respecto do orzamento, dixo, son 1.114.000 euros, dos que 420.000 euros correspóndense con expropiacións.

Axudas de emerxencia

O Concello xa celebrou tres comisións de axudas de de emerxencia no que vai de ano nas que se concederon 102 achegas por importe de 23.896 euros. Deste montante e entre outros conceptos, 20 foron para gastos de vivenda; 13 para facturas de auga; 9 para facturas de gas e 18 para facturas da luz. Segundo apuntou Caballero, desde que comezou o ano, aprobáronse axudas por valor de case 100.000 euros coas que se atenderon a 435 familias.

 

Descargar todas as imaxes