Escoitar

O Concello apoia The Wild Fest que se organiza esta fin de semana no forestal de San Miguel de Oia

The Wild Fest presentouse esta mañá no Concello de Vigo coa presenza da concelleira de medio ambiente Nuria Rodríguez e os organizadores do certame Juan de Castro e Juan Pablo Pérez. Celébrase entre o 8 e o 10 de xullo no Parque Forestal de San Miguel de Oia e as entradas están dispoñibles na billeteira do festival . Os menores de 14 anos entran gratis e o domingo o acceso é de balde para todo o mundo.

mércores, 6 xul 2022

Esta mañá presentouse en rolda de prensa no Concello de Vigo a programación do The Wild Fest, o festival vigués que pon en valor o patrimonio natural da cidade a través dun potente cartel musical con bandas como Aurora & The Betrayers, Aphonnic, Corizonas, Boyanka Kostova ou Wöyza. Na presentación estiveron presentes Juan de Castro e Juan Pablo Pérez, organizadores do certame e Nuria Rodríguez, concelleira de medio ambiente de Vigo, que salientou a “espectacular contorna na que se celebra o festival e o traballo do mesmo coas comunidades de montes através de actividades como a andaina solidaria”

Alén de música, o festival destaca polo ambiente familiar e festivo que mantén durante tres días no merendeiro do Parque Forestal de San Miguel de Oia, onde se celebran sesións de cinema mediomabiental, actuacións para nenos, mercado de artesáns, charlas , foodtrucks e sesións vermú con pulpeiro.

Moitas das actividades que desenvolve este certame multidisciplinar están enfocadas a coñecer e desfrutar de xeito activo da natureza. É o caso do ciclo de cinema The Wild Cinema, cuxas proxeccións abrirán un ano máis o programa, a partir do venres ás 18h, cun dobre pase. O terceiro bloque de proxeccións será o sábado ás 15h e o cuarto, o domingo ás 17:30h, coincidindo coa clausura desta cuarta edición.

O venres 8 tamén poderemos desfrutar de música en directo con tres concertos de potentes bandas galegas. A electrónica de Músculo! quentará o ambiente a partir das 21h e deixará paso aos sons hiphop e soul da viguesa Wöyza e The Galician Messengers, a patir das 22:30h. Á 01:30h subirase ao escenario o dúo Boyanka Kostova coa súa mestura de ritmos pegañentos e retranca galega coa que é imposible non bailar e pasalo ben. Para os que teñan ganas de máis, a noite continuará ata as 05:00h con DJ Steven Rod.

A mañá do sábado chega do máis completa cunha cata de viños de Adegas Terrae a partir das 12:00h, concerto de A Roda, ás 13h e pulpeira para repoñer forzas e redondear a experiencia enxebre. Desde a hora de comer e ata ás 16h desenvolveranse tres obradoiros infantís e o espectáculo de Peter Punk e Brais das Hortas.

A tarde do sábado continúa con máis música. A partir das 17:00h gozaremos da banda de versións Wondercovers e ás 19:30 o heavy bluegrass dos vascos Moonshine Wagon soará no merendeiro do Parque Forestal, seguidos do rock soul de Aurora & The Betrayers, ás 21:00h; o potetente indie rock de Corizonas, ás 22:30h e o enérxico directo da banda de metal máis importante de Galicia, Aphonnic, que soará a partir das 24:00h. De novo, a noite será longa grazas a sesión de DJ Steven Rod que estará picando ata as 05:00h.

O domingo a xornada comeza con dúas actividades de coñecemento e desfrute activo da natureza que espertaron moito interese en pasadas edicións: andaina e orientación.

Ás 10 da mañá comeza Orientaventura, un divertido xogo de habilidade física e mental na que os participantes, por grupos, deberán atopar todas as pistas e resolver as probas escondidas no parque forestal coa axuda dun mapa. A proposta está organizada por Territorio Comanche, expertos en actividades ao aire libre. As entradas adquírense nesta ligazón.

A andaina sae ás 10:30 e percorrerá 6 km pasando por algúns dos lugares máis bonitos e curiosos do Parque Forestal de San Miguel de Oia, como os petroglifos e miradoiros. Como guías teremos a sorte de contar con comuneiros dos montes de San Miguel e será solidaria coa asociación Bicos de Papel, que traballa na mellora da calidade de vida dos nenos con cancro no Álvaro Cunqueiro e as súas familias.

A xornada do domingo, que será de entrada gratuíta para todos, completarase cunha nova sesión vermú a cargo de Blues do País e Sindicato da Verbena, obradoiros de circo, escalada e pintura para todas as idades e dous espectáculos infantís: o concerto de Cé Orquestra Pantasma, a partir das 16:30h e o contacontos a cargo de Miguel Anxo Alonso Diz, O país da chiova, que comezará ás 17:30h.

Entradas

As entradas están á venda a través da billeteira Vivetix con opción á compra por días ou abono completo.

En todos os casos hai posibilidade de acampar por un pequeno suplemento.

A entrada o domingo é gratuíta ata completar o aforo do recinto.

Os nenos ata 14 anos non pagan entrada.

The Wild Fest

The Wild naceu en 2019 co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio natural, o coidado dos nosos montes e o respecto polo medio ambiente a través da programación de actividades deportivas e culturais no entorno natural do Parque Forestal de San Miguel de Oia.

Na vindeira edición, The Wild, que se celebrará entre o 3 e o 10 de xullo de 2022, buscará destacar como o festival multidisciplinar e medioambiental de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

 

 

 

Descargar todas as imaxes