Concello e Deputación rubrican o apoio ao SeaFest con 155.000 euros
Abel Caballero e Carmela Silva asinaron este martes o convenio de colaboración para o desenvolvemento do “Festival Mar de Vigo – Vigo Seafest 2022” que se celebra desde o xoves 7 de xullo ata o domingo 10 de xullo nos xardíns de Elduayen e na zona do Náutico de Vigo.
O alcalde puxo en valor a achega de 155.000 euros que realizan o Concello e a Deputación de Pontevedra mediante este convenio de colaboración, polo que Vigo apoia o evento con 100.000 euros mentres o ente provincial dedica 55.000 euros. Con todo, avanzou “queremos aumentar” a cantidade.
A presidenta provincial, Carmela Silva, declarou que “é un orgullo para a Deputación cofinanciar eventos coma este, que sitúan a cidade olívica como un referente turístico e económico. Acompañaremos ao alcalde a degustar os nosos produtos do mar".
O Vigo SeaFest celébrase esta fin de semana, dende o xoves, 7 de xullo, ata o domingo, 10 de xullo, organizado pola Cooperativa de Armadores de Pesca (ARVI) como un evento de promoción da produción pesqueira local e da súa importancia social e económica. Ao tempo serve de escaparate para o promoción da cidade e das Rías Baixas.
Caballero apuntou que, amais, é “unha oportunidade para potenciar o emprego nas empresas pesqueiras e unha cita interesante para xerar emprego”, salientando a relevancia do sector da pesca no que “somos potencia industrial no mundo”.