O Concello abre unha canle antifraude na contratación, aberta a cidadáns e funcionarios
Vigo amplía as accións en materia de transparencia e integridade na contratación pública e, segundo trasladou este xoves o alcalde, vén de publicar o Plan de Contratación Anual de 2022, crea un mapa de riscos e unha canle de alertas para que, incluso de forma anónima, se presenten suxestións, avisos ou denuncias. As medidas forman parte do premiado Plan de Integridade na Contratación Pública do Concello, aprobado hai tres anos.
A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves deu luz verde a varias cuestións en materia de integridade e transparencia na contratación do Concello de Vigo, accións contempladas no Plan de Integridade na Contratación Pública municipal aprobado en decembro de 2019 e premiado no 2020 no Congreso Nacional de Innovación e Servizos Públicos (CNIS) como o mellor proxecto de adecuación á Lei de Contratos do Sector Público.
O goberno de Vigo decidiu abrir unha canle de alertas en materia de contratación, unha nova vía para que a cidadanía en xeral -a través da sede electrónica do Concello- e os funcionarios municipais -mediante o Portal do empregado- poidan presentar as súas suxestións, comunicacións, denuncias ou alertas contra o fraude na contratación. Xa incorporado no Plan de 2019, permite dar os avisos de forma anónima ou identificándose. Ademais, engadiu Abel Caballero que Vigo manterá o enlace do Servizo nacional de control antifraude do Estado.
En segundo lugar, e por terceiro ano consecutivo, Vigo publica o seu Plan de Contratación Anual, que está a disposición de todos os posibles licitadores no Portal de Transparencia e no perfil do contratante do Concello dentro da Plataforma de contratos do sector público. O documento inclúe a programación da actividade municipal de contratación para este 2022 e recolle un orzamento total de licitación de 151 millóns para varios exercicios e unha previsión de gasto este ano de 29,7 millóns.
Por último, o alcalde informou da aprobación dun mapa de riscos na contratación. O Comité municipal de integridade, operativo desde 2020, actualizará as súas funcións e impulsará este mapa durante ano e medio, momento no que se avaliarán medidas de mellora ou alternativas como a incorporación de expertos externos. O nomeado Comité está formado polo xefe de servizo de Contratación, o interventor, a secretaria de Administración municipal, a Dirección Superior Contable e Orzamentaria, a titular da Asesoría Xurídica e o xefe de servizo da Administración Electrónica do Concello.
Estas novidades que se desenvolven agora estaban previstas no Plan de Integridade na Contratación Pública de 2019. Neste marco, citou Caballero, nos últimos tres anos xa se adoptaron melloras, como unha declaración institucional de integridade, inclusión nos plans de formación do Concello de accións formativas transversais sobre integridade e responsabilidade no emprego público ou a creación e posta en marcha do Portal de datos abertos do Concello.
Tamén se acordou unha nova instrución para publicitar e fomentar a transparencia dos contratos menores, se elaborou unha Guía de preparación dos contratos para que os distintos servizos municipais unifiquen criterios para dotar de maior transparencia á contratación, un modelo de declaración de neutralidade técnica (polo cal o redactor do prego de condicións técnicas manifeste que este non favorece a ningún posible licitador) e outro de ausencia de conflito de interese tanto para funcionarios como para responsables políticos. O Concello incorporou tamén cláusulas éticas e de conduta de obrigado cumprimento para os contratatistas.
Para concluír, o alcalde enxalzou que o Consello de Contas de Galicia avaliou as contas municipais de 2018. Nun informou publicado no 2020, o organismo felicitou expresamente ao Concello de Vigo.
Emprego
O goberno de Vigo, segundo informou o alcalde, aprobou o pago de axudas económicas aos participantes do proxecto “Vigo pola inserción laboral”, correspondente ao presente ano. Son máis de 38.000 euros de apoio á asistencia aos itinerarios formativos para trinta persoas.
Este programa de emprego vai dirixido á integración no mercado de traballo daquelas persoas pertencentes a colectivos vulnerables, un proxecto que potencia as competencias profesionais que ten beneficiado a 306 persoas desde 2020, ano da súa posta en marcha. Se fixeron 21 accións formativas en vendas, cociña, loxística, atención sanitaria, comercio ou soldadura, entre outras. “Vigo pola inserción laboral” conta cun orzamento total de 2,1 millóns de euros, cunha subvención do 80% a cargo do Fondo Social Europeo, mentres que o Concello achega 424.000 euros, o 20% restante.
Cultura
A Xunta de Goberno Local acordou por outra banda a transferencia de financiamento a dúas entidades culturais da cidade. En primeiro lugar, a Fundación Liste – Museo Etnográfico percibe 125.000 euros para o desenvolvemento da súa actividade e programación. Ademais, o Concello decidiu elevar un 18% a contía que recibirá a Fundación Laxeiro este ano, ata os 95.000 euros para gastos de administración, investigación, programación e exposicións.
Abel Caballero recordou que o Concello vai organizar no MARCO unha exposición polo vixésimo quinto aniversario do pasamento de Laxeiro. O 2022 é o Ano Laxeiro en Vigo e a mostra, titulada “Laxeiro e a pintura española da súa época” conta con 120.000 euros de orzamento municipal e estará comisariada polo director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Miguel Fernández-Cid.