Escoitar

O goberno de Vigo aproba este xoves a urbanización dunha parcela próxima ao Mercado de Bouzas

Segundo adiantou este mércores Abel Caballero, a Xunta de Goberno Local prevista para o xoves validará definitivamente o proxecto de urbanización do polígono, un ámbito entre as rúas Tomás Alonso e Covadonga no que se edificarán 27 vivendas. Bouzas gañará unha praza pública de 1.500 m2 e un edificio público para uso cultural.

mércores, 12 xan 2022
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.

“Poñemos en marcha un proxecto de gran interese para Bouzas e, polo tanto, para Vigo”, manifestou Abel Caballero en declaracións aos medios, a urbanización do polígono VI do PEPRI de Bouzas, encadrado entre Tomás Alonso e Covadonga, detrás do Mercado de Bouzas.

A promotora prevé erixir cinco bloques de vivendas, de baixo e dúas ou tres alturas, con capacidade para vinte sete pisos, dos que ao Concello lle corresponderán catro que utilizará “para fins sociais, como é natural”. Caballero detallou que este desenvolvemento urbanístico contempla tamén un edificio público de 136 metros cadrados para equipamento cultural, “que boa falta nos fai en Bouzas”.

Co nomeado proxecto, a vila gañará novos espazos peonís de uso libre cunha praza pública duns mil cincocentos metros cadrados, con zonas pavimentadas e axardinadas. Amais, se abre a posibilidade de construír debaixo un estacionamento público en réxime de concesión. A parcela sobre a que se actuará en Bouzas conta en total con preto de tres mil metros cadrados de superficie.

Descargar todas as imaxes