Escoitar

“Vigo dedica centos de miles de euros a axudas á vivenda e a Xunta nin sequera gasta o que lle dá España”

Abel Caballero denunciou este mércores que a Xunta de Galicia deixou sen executar 30 dos 47,6 millóns recibidos do Estado para garantir o acceso a unha vivenda digna. O alcalde contrapuxo a “incapacidade” autonómica coa acción municipal e explicou que o 75% das axudas de emerxencia que Vigo concede son para vivenda.

mércores, 12 xan 2022
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.

En declaracións este mércores no Salón de Plenos do Concello, Caballero tachou de “calamidade” a xestión do goberno autonómico da partida transferida polo Goberno de España ao efecto: “A incapacidade da Xunta de Galicia é un escándalo”.

Asegurou o rexedor que o Estado destinou 47,6 millóns ao goberno presidido por Núñez Feijóo para “garantir o acceso a unha vivenda digna”, dos que “soamente gastaron 17,7 millóns, deixaron sen executar o 63%” cando en Vigo 5.500 persoas están inscritas no rexistro de demandantes de vivenda de protección.

“Eu quero contrapoñer as posicións”, afirmou o alcalde. “A Xunta de Galicia deixa sen gastar trinta millóns e nós, o 75% das axudas de emerxencia que damos son para vivenda”, sinalou Caballero, quen concluíu: “Vigo adica centos e centos de miles de euros de axudas á vivenda a cidadáns de Vigo e a Xunta de Galicia nin sequera gasta o diñeiro que lle dá España”.

Descargar todas as imaxes