Vigo estará en FITUR no stand de Turespaña
O Concello fará a súa presentación o xoves 20 de xaneiro ás 16 horas, cunha exposición centrada no Nadal, nas Illas Cíes e Vigo como proxecto global de atracción turística.
Vigo terá espazo no stand de Turespaña na Feria Internacional de Turismo 2022. O alcalde anunciou en rolda de prensa que o concello fará a súa presentación o xoves 20 de xaneiro ás 16 horas no marco do Turismo de España.
Caballero avanzou que a exposición da cidade estará centrada no Nadal, nas Illas Cíes, “que van ser Patrimonio da Humanidade” e en Vigo como proxecto global de atracción turística.
“Vigo é un proxecto de ámbito mundial. Imos presentar o noso proxecto global turístico dunha cidade que se está a converter nun emblema turístico no mundo”, reflexionou o alcalde. “Temos o Nadal máis importante do planeta, que dura dous meses. O Nadal é inigualable e agora, ademais, temos tamén a publicación de Illas Cíes como destino medioambiental para 2022 publicado polo New York Times”, engadiu.
Á presentación de Vigo en FITUR acudirá a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. “Estaremos ocupando o lugar que nos corresponde, coa ministra, nun dos stands dos máis grande países turísticos do mundo como é España”.
Caballero quixo agradecer publicamente o apoio de Maroto a Vigo como destino turístico.