Escoitar

O alcalde pide “respostas” á Xunta sobre a “catástrofe” da Atención Primaria en Vigo

Abel Caballero censurou este luns o peche decretado pola Xunta de Galicia de 14 centros de saúde da área de Vigo para os casos casos que non sexan Covid ou Urxencias e critica que “nos están deixando sen médicos para atendernos”.

luns, 10 xan 2022
Abel Caballero durante a súa comparecencia en rolda de prensa
Abel Caballero durante a súa comparecencia en rolda de prensa

En rolda de prensa, o rexedor trasladou á Xunta de Galicia a súa demanda: “quero explicacións e, sobre todo, quero respostas, que o resolva”, o presidente Feijóo, apuntando que “hai médicos acabados de xubilar dispostos a poñerse mans á obra. Hai que contactalos, chamalos, contratalos e traelos e darlles estabilidade durante un tempo”.

O alcalde censurou a “saturación, cansazo e esgotamento” que sofren os profesionais da Atención Primaria na cidade que, con todo, fan un “traballo excepcional” e responsabiliza da situación á Xunta de Galicia por non reforzar o cadro do persoal sanitario cando “teñen recursos do Goberno de España para facelo e non os están usando e déixannos á xente de Vigo sen Atención Primaria, sen os centros de saúde. Non podemos ir á Atención Primaria porque a pechou Feijóo e o conselleiro. É un escándalo”, en referencia á instrución decretada polo goberno autonómico para que catorce centros de saúde da área sanitaria viguesa non atendan servizos á marxe das urxencias e o Covid.

Caballero criticou a “acción terrible e dramática da Xunta de Galicia condenándonos á xente de Vigo a non ter médico para as nosas consultas”, unha posición que “defende o PP de Vigo” e apuntou que “non hai ningunha complicidade de silencio pola miña parte, quero que saiba todo o mundo que é unha catástrofe de xestión da Atención Primaria de Vigo, dos centros de saúde de Vigo, imputable a Feijóo, á Xunta de Galicia e ao PP. Están deixándonos sen médicos para atendernos”.

 

Descargar todas as imaxes