Abel Caballero traslada o seu apoio á asociación Superhéroes
O rexedor reuniuse este luns coa directiva da asociación sen ánimo de lucro Superhéroes, que traballa coas familias de nenas e nenos con diversidades funcionais e que veñen de constituír unha plataforma para reivindicar os seus dereitos.
Durante o encontro, o alcalde transmitiulles o apoio municipal ao importante labor que desenvolven e amosoulles a disposición do próximo Pleno do Concello para que dean lectura a un manifesto dando a coñecer o seu traballo e as súas demandas.
As representantes de Superhéroes reivindicaron ante Abel Caballero as carencias de atención que están sufrindo as nenas e nenos da entidade que atopan trabas para a detección precoz, para acceder ás terapias do Sergas, a excesiva burocracia que deben afrontar para ter un diagnóstico e un tratamento das enfermidades, unha situación que se viu agravada pola pandemia.