Escoitar

Olaia Fernández asiste á festa dos usuarios do Servicio de axuda a domicilio

O Servicio de axuda a domicilio que presta a Cruz Vermella en colaboración co departamento de Benestar Social celebra na carballeira da Guía unha festa de verán para os seus usuarios con actuacións de música e danza.

xoves, 26 xuñ 2003
O programa de axuda a domicilio pretende, cun carácter preventivo e rehabilitador, articular un conxunto de servicios e técnicas de intervención que centren a resposta social, tanto na atención persoal e doméstica como no apoio psicosocial e familiar que se presta na vivenda dos usuarios co obxectivo básico de favorecer o incremento da autonomía persoal no seu medio habitual de vida.

Quérense prestar un conxunto de atencións desde unha perspectiva integral e normalizadora aos cidadáns na súa vivenda, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal facilitando a permanencia no seu propio entorno de convivencia.

Préstase apoio no aseo e coidado persoal, axuda para comer, control da medicación, compaña e apoio na mobilidade dentro do fogar. Poténciase que o beneficiario e as persoas que conviven con el colaboren no mantemento da vivenda sempre que as súas capacidades llo permitan como na limpeza do fogar, especialmente das zonas de maior dificultade ou que poidan supor un risco persoal para o usuario. Lavado, planchado e compra e preparación de alimentos son outras das facetas desenvolvidas a través deste servicio.

Tamén se presta atención de carácter psicosocial e educativa, teleasistencia, asesoramento xurídico, servicio de lavandería, transporte adaptado e apoio do voluntariado.

O equipo técnico está formado por un responsable do Servicio de atención domiciliaria, tres traballadoras sociais, unha psicóloga, un avogado, un administrativo, 61 auxiliares e 54 voluntarios.

En total realizáronse durante o 2002, 65 intervencións xurídicas, 26 prestacións de atención psicolóxica, 2.288 labores de lavandería, 78 xestións de citas e receitas médicas, 3.957 intervencións de teleasistencia e 1.158 viaxes en transporte adaptado.