O goberno municipal indemniza a Vitrasa con 3,5 millóns de euros polo impacto da pandemia
A Xunta de Goberno Local aprobou a compensación á concesionaria do servizo público de transporte urbano colectivo de viaxeiros pola redución de ingresos debido á pandemia do Covid-19.
O alcalde explicou que a achega enténdese en concepto de apoio á empresa e de sufrago das deficiencias e da ausencia de viaxeiros ocasionadas pola imposición dun aforo máximo na capacidade dos autobuses na cidade durante a pandemia.
O rexedor lembrou que en decembro de 2020, Vitrasa foi indemnizada con 2.194.000 millóns de euros, en compensación pola imposibilidade de executar o contrato do 16 de marzo ao 14 de xuño de 2020.
Agora, o Concello estima que procede indemnizar á concesionaria polo impacto da pandemia durante o ano 2020 por un importe máximo de 7.882.680 euros. Tal e como explicou o rexedor, este importe calcúlase en base ao resultado de explotación do ano 2020, en comparación co 2019 segundo marca o decreto do Goberno de España. Así, en 2019 os ingresos por tarifas cobradas aos usuarios do servizo de autobuses urbanos foron de 14.242.000 euros, polo que cómpre aboar o 40% destes ingresos, aos que no caso de Vigo se resta a indemnización xa concedida en decembro – de 2.194.964 euros- o que deixa o total máximo de indemnización en 7,8 millóns de euros.
Segundo explicou o alcalde, “establecemos unha achega que se sustanciará definitivamente cando se acorde o importe que ten que recibir Vitrasa de indemnización”.
Arranxo do aparcadoiro municipal do Hospital Álvaro Cunqueiro
O aparcadoiro municipal e de balde do Hospital Álvaro Cunqueiro pechará o domingo 4 para realizar o mantemento do firme. O obxectivo é mellorar a infraestrutura que o concello “puxo a disposición dos traballadores e usuarios”, dixo o alcalde. O día 9 está previsto o fin das obras.