Escoitar

O Concello abre a inscrición para as 5.750 prazas nos programas náuticos deste verán

Abel Caballero detallou os tres programas municipais de actividades náuticas previstas para este verán que se desenvolverán ao longo dos meses de xullo, agosto, setembro e outubro con xornadas en Cíes, viaxes a bordo do Nautilus e roteiros guiados con temática literaria.

xoves, 1 xul 2021
O rexedor en rolda de prensa
O rexedor en rolda de prensa

Este venres 2 de xullo ás 8:00 horas da mañá abre o prazo de inscrición para as tres actividades náuticas gratuítas que oferta o Concello para nenas e nenos empadroados en Vigo. As persoas interesadas deberán anotarse na web xuventudevigo.org e as prazas outorgaránse por orde de inscrición.

Segundo expuxo o alcalde, a primeira das actividades é “Desembarco Cíes”, un roteiro dun día nas illas con viaxe en barco con guía e actividades de animación para a cativada. O goberno municipal ofrece 2.150 prazas en xullo e setembro para estas viaxes nas que poderán participar un pai, nai ou titor/a con dous nenos nados entre 2005-2017 mentres no caso das familias numerosas poderán ir dous proxenitores. As rutas serán entre as 11 a 19:30 horas dos días 20, 21, 26 e 28 de xullo e os días 1, 4, 12, 18 e 26 de setembro.

A segunda actividade é “Divulgación do coñecemento da ría”. Os participantes percorrerán a ría de Vigo a bordo do buque oceanográfico Nautilus e poderán vivir unha experiencia educativa e entretida. O Concello oferta 1.800 prazas para estas rutas de 1:30 horas de duración para nenas e nenos de entre 8 e 16 anos. Están programadas en xullo, agosto e setembro, os martes, xoves e mércores en diferentes horarios.

O rexedor informou tamén da terceira proposta: “Un mar de Verne”. Trátase dun roteiro guiado en barco pola ría con temática de literatura, historia e recursos naturais, as xestas acontecidas na ría... Cunha hora e media de duración e para a mocidade de entre 8 e 16, celébranse os martes e xoves de xullo, agosto, setembro e outubro.

 

Descargar todas as imaxes