A unanimidade do Pleno pide á Xunta medidas urxentes para reducir as listas de espera
A Corporación deu luz verde este mércores á moción do grupo socialista que insta ao presidente da Xunta e ao Conselleiro de Sanidade a dar explicacións sobre a situación actual da sanidade pública galega e a tomar medidas fronte ás listas de agarda.
O texto defendido polo voceiro socialista, Carlos López Font, recolle tamén a esixencia de que a Xunta atenda aos enfermos crónicos e as operacións habituais e reforce a atención Primaria dotándoa de medios humanos e materiais de forma inmediata.
“É precisa unha revisión global da sanidade”, apuntou López Font, que describiu a situación da atención primaria como “absolutamente desmantelada”, tal e como denuncian os propios profesionais, con saturación de funcións, colas para a obtención dos certificados de vacinación, falta de planificación... amais do peche de 135 camas nos hospitais de Vigo durante este verán, que se suma ás 120 camas pechadas anteriormente no Hospital do Meixoeiro, unha decisión “sorprendente” cando as listas de espera en cirurxía creceron un 25% e acadan os 60.000 pacientes esperando en toda Galicia.
Reforma dos centros educativos
Na sesión plenaria deste mércores quedou aprobada a moción do grupo municipal socialista na que se insta á Xunta de Galicia a elaborar un plan a catro anos, dotado nos seus orzamentos con 40 millóns de euros, para abordar a reforma integral de centros educativos públicos da cidade de Vigo, asumindo así as súas competencias e atendendo a demanda da comunidade educativa.
Gorka Gómez, edil de Educación, explicou que a maior parte dos centros públicos de Infantil e Primaria da cidade de Vigo foron construídos entre 1970 e 1980 polo que a súa antigüidade dificulta a adaptación a novos usos e necesidades da comunidade educativa. Nos últimos anos aumentan os problemas en aseos, patios escolares, cubertas de pavillón, illamentos, calefacción... polo que o goberno de Vigo leva anos reclamando á Xunta a necesidade de reforma integral de moitos centros, que acoden ao Concello para que as súas demandas sexan atendidas. Apuntou tamén que o goberno municipal soluciona algúns dos problemas ante a falta de investimento da Xunta.
Tódolos grupos apoiaron esta moción, a excepción dos populares que a rexeitaron.