O alcalde recolle en Madrid o premio á estación de Urzáiz como “Mellor iniciativa de rexeneración urbana”
Os premios Asprima-Sima son os de maior prestixio do sector e este ano distinguen ao proxecto vigués no entorno do Vialia, como exemplo de mobilización de recursos e pola conversión da zona nun espazo de calidade. Abel Caballero viaxa con “emoción” a recibilo: “foron moitos anos de pelexa para conseguilo”.
Segundo explicou o alcalde, o xurado valorou a implicación e a mobilización de recursos públicos e privados para reconverter un lugar “degradado” nun espazo público de calidade e integrado na cidade. Da actual global, Caballero singularizou o deseño de Thom Mayne, que permite a utilización cidadá da gran praza pública sobre a estación e o centro comercial de Vialia, pero tamén a remodelación da Praza da Estación, o ascensor que a conectará con Urzáiz e Vía Norte, a recuperación da fachada de pedra da antiga terminal ferroviaria e o elevador HALO que unirá os barrios de García Barbón coa Vía Norte.
“Vou cunha certa emoción a recoller este premio”, asegurou o alcalde antes de partir. Caballero manifestou que foron “moitos anos de pelexa para conseguilo, doce anos de dura pelexa para conseguir esta renovación de toda esta zona da cidade” e concluíu que “ben está o que ben acaba”, porque “estamos facendo unha inmensa e marabillosa transformación dunha parte vital da cidade de Vigo”.
O proxecto en execución para o entorno da estación de Urzáiz foi posible grazas á entrada en túnel do tren desde Redondela, promovida por Abel Caballero ao chegar á Alcaldía. Esta decisión fixo posible a construción do centro Vialia hoxe en marcha e tamén a Vía Verde, a senda peonil e ciclista sobre a antiga vía ferroviaria.
Saída sur
En declaracións aos medios este xoves, o alcalde anunciou que aproveitará a súa viaxe a Madrid para manter unha reunión co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Sergio Vázquez, e coa presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, “para analizar cal é o estado da saída sur” ferroviaria desde Vigo ata Portugal, “cuestión estrita” do Goberno de España e da Alcaldía de Vigo. O executivo presidido por Sánchez xa sacou a concurso un estudo de alternativas para o trazado da conexión sur ferroviaria desde Urzáiz.
En verbas de Caballero, o AVE co país veciño será posible “porque eu conseguín que o tren entrara baixo cota na cidade de Vigo. Se eu non chego a actuar no momento no que cheguei á Alcaldía, a proposta do señor Feijóo como conselleiro metía o tren en gabia e nunca xamais podería haber saída sur”.