Escoitar

O Concello comprometeu 39 millóns en pagos no primeiro trimestre do ano

O concelleiro de Facenda deu conta este mércores do estado de execución do orzamento nos primeiros noventa días do ano, con 39 millóns en abonos efectivos xa recoñecidos e un período medio de pago a provedores de entre oito e nove días. Aneiros destacou os 350.000 euros a axudas sociais e os 452.000 euros en axudas de libros e comedor escolar só nestes tres meses.

mércores, 26 mai 2021
O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, á dereita da imaxe, deu conta ante o Pleno do informe trimestral de Tesourería
O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, á dereita da imaxe, deu conta ante o Pleno do informe trimestral de Tesourería

O Pleno da Corporación municipal de Vigo, en sesión ordinaria, tomou coñecemento este mércores do estado de execución dos gastos e ingresos do orzamento do Concello no presente ano, noventa días nos que a administración presidida por Abel Caballero recoñeceu leva recoñecidas obrigas de pago efectivo por valor de 39 millóns de euros. Ao efecto, o edil de Facenda recordou que o prazo de abono aos provedores sitúase entre os oito e os nove días de media.

Jaime Aneiros resaltou que Vigo goza este ano “do orzamento máis elevado da historia do Concello”, contía á que se engadiron dúas partidas do remanente municipal de 36 e 13 millóns de euros respectivamente “para reactivar a economía da cidade” e “xerar emprego”, ademais de “mellorar as condicións de vida dos cidadáns”. No tocante aos investimentos municipais, que o concelleiro cifrou en 99 millóns este ano, nos primeiros noventa meses deste 2021 o goberno vigués ten en contratación 94 expedientes.

O concelleiro detallou algunhas das partidas en marcha, como as obras da Porta do Sol, a humanización da Ronda de Don Bosco, os 350.000 euros xa abonados para axudas sociais de emerxencia ou as 452.000 euros para libros e comedor escolar, ou máis de 1,2 millóns xa adxudicados en apoios para o fomento do emprego, asesoramento e PEMES ou de inserción laboral.

Pola súa banda, os grupos da oposición cuestionaron a “inexecución orzamentaria” que arrastraría, segundo afirmaron, a administración municipal e que se prolongaría neste primeiro trimestre do ano. Tanto o edil non adscrito, Xabier Pérez, como os voceiros do grupo mixto e do PP, Rubén Pérez e Alfonso Marnotes, respectivamente, lamentaron nas súas intervencións unha execución do 11% do total das contas e do 2,6% do capítulo dos investimentos nestes primeiros noventa días.

Jaime Aneiros contestou que “non é que o goberno de Vigo non comparta este relato, senón que os cidadáns non entenden este relato” trazado pola oposición, e manifestou que “nós somos un goberno preocupado pola xente” que atendeu a case que 2.000 persoas neste primeiro trimestre só en axudas sociais e educativas. No tocante ao estado de execución, o concelleiro recordou os prazos mínimos de tramitación, publicación, informe e publicación esixidos ás administracións públicas: no Concello “cumprimos coa legalidade”.

Descargar todas as imaxes