Vigo pide á Xunta que faga compatible e complementaria a Risga co Ingreso Mínimo Vital
O Pleno do Concello aprobou este mércores a moción socialista pola que se insta ao goberno autonómico a que, de forma urxente, modifique a normativa reguladora da Renda de Inclusión Social de Galicia, co obxecto de facela complementaria e compatible co Ingreso Mínimo Vital, ampliando ademais a súa cobertura para facilitar o acceso á vivenda.
Cos votos favorables do concelleiro non adscrito e do grupo mixto e coa abstención do grupo popular, a Corporación demanda tamén á Xunta que procure unha solución urxente para as familias afectadas por esta regularización inasumible e extemporánea do goberno do PP, dado que o goberno galego non fixo nada por prever este tipo de situacións de incompatibilidade.
A concelleira Yolanda Aguiar expuxo que despois dun ano da entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital, a Xunta de Galicia "aínda non foi quen de reconfigurar a Risga de xeito que poida ser complementaria do IMV" para poder ser un complemento para o acceso á vivenda das persoas en situación de exclusión social. Rexeitou que o Goberno de Feijóo "non só non complementa - como debe ser a súa obriga- a renda do Estado senón que o 10% dos beneficiarios da prestación autonómica perdeu o seu dereito, co conseguinte aforro económico para a Xunta de Galicia".
Petición unánime para liberar as patentas das vacinas da Covid
O Pleno aprobou por unanimidade a moción do grupo municipal mixto a favor da liberalización das patentes das vacinas contra a Covid-19 demandando ao goberno de España que manifeste o seu apoio á exención de patentes de vacinas e promova e defenda dita exención en todos os organismos europeos e mundiais. Amais, o texto insta aos gobernos central e autonómico a reforzar as políticas europeas comúns en materia de saúde e solicita á Unión Europea que se sume á petición de apertura de patentes levada a cabo por India e Suráfrica no seo da OMC.
A moción, defendida pola edil Oriana Méndez, insta á Axencia Europea do Medicamento a tomar unha decisión sobre a autorización de todas as vacinas contra a Covid-19 dispoñibles co obxectivo de salvar o maior número de vidas posibles e demanda á Xunta que garanta o acceso en Galicia a todas as persoas en igualdade de condicións, conforme a criterios científicos, fomentando a vacinación nos centros de saúde próximos aos domicilios da poboación do medio rural, entre outras medidas.