Escoitar

Vigo, en “rotunda oposición” ás peaxes nas autovías, pide eliminalas tamén nas da Xunta

O Concello rexeita o pago nas autovías de titularidade estatal e solicita á Xunta de Galicia “a redución e paulatina eliminación das peaxes da AG55 e AG57”, vía esta última que une a VG20 co Val Miñor. O Pleno aprobou a moción por unanimidade, salvo pola abstención do PP no relativo ás autovías de propiedade autonómica.

mércores, 26 mai 2021

A Corporación entrou este mércores no debate aberto en España sobre un eventual abono directo das autovías do Estado por parte dos condutores e a posición viguesa é contundente: “rotunda oposición”.

Presentada polo edil non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, a moción contou co voto favorable de todos os concelleiros e concelleiras, plasmado nun texto que constata a negativa do Concello “a establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por considerala unha medida regresiva que establece barreiras económicas no acceso a servizos básicos como son as infraestruturas viarias, que incrementa a inseguridade viaria e que supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galicia”.

Logo de debate plenario, os e as edís municipais acordaron esta postura unánime do Concello, polo “impacto negativo” que tería para os usuarios destas vías de alta capacidade e para a “competitividade” das empresas. Pero Vigo foi máis aló este mércores e abordou na sesión plenaria o “agravio e a discriminación” que implican as peaxes nas AG55 e AG57, ambas de titularidade autonómica.

Neste caso, a proposta elevada ao Pleno foi a de “instar á Xunta de Galicia á redución e paulatina eliminación das peaxes” nestas dúas autovías “polo agravio que supón para as persoas residentes e empresas das respectivas comarcas polas que transcorren”, que no caso da AG57 afecta a Vigo e a súa área, ao enlazar a VG20 co Val Miñor. Cunha votación separada neste punto, a cuestión non obtivo desta volta o respaldo unánime do Pleno pero si o maioritario, co que foi aprobado pese á única abstención do grupo municipal do PP.