Escoitar

A Corporación urxe á Xunta o informe preceptivo para poder iniciar a ampliación da ETAP do Casal

O Pleno acordou esta mañá reclamarlle ao Goberno autonómico o ditame vinculante para que o Concello poida acometer as obras de ampliación e modernización que precisa a potabilizadora do Casal. Todos os grupos da Corporación -excepto o PP -afearon á Xunta o atraso dun ano que acumula na emisión do devandito informe.

mércores, 26 mai 2021

Co voto en contra do Partido Popular, o Pleno do Concello acordou urxir á Xunta a emisión do preceptivo informe que permita ao Concello a execución das obras de modernización e ampliación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) do Casal. O concelleiro de Fomento, Javier Pardo, lembrou que o goberno autonómico acumula un ano de atraso na emisión dun ditame vinculante en materia sanitaria para a execución das obras dunha infraestrutura básica para garantir no futuro o abastecemento de auga potable á cidade de Vigo e municipios da comarca. Esta moción contou co apoio do PSOE -grupo propoñente -, da Marea e do concelleiro non adscrito.

Outra das mocións que recibiron luz verde na sesión plenaria desta mañá foi a presentada polo grupo socialista sobre a necesidade de consignar a Vigo nos ingresos da comunidade autónoma o triplo da cantidade que en cada momento se estableza como asignación a Compostela pola súa condición de capital de Galicia. O voceiro socialista, Carlos López Font, lembrou que na actualidade, o concello de Santiago ten asignados 2,3 millóns en concepto de capitalidade e Vigo, sen querer confrontar con outros territorios, reclama que as achegas da Xunta cheguen proporcionalmente aos territorios en función das súas características e do peso na economía e na actividade social de Galicia. Durante o debate plenario, Font defendeu que a capitalidade non pode ser un privilexio polo que a Vigo, triplicando a poboación de Santiago, correspóndelle o triplo da asignación. Esta moción saíu adiante cos votos favorables do PSOE e o voto en contra do resto dos grupos da Corporación.