Vigo instalará luz LED na rede viaria para reducir o consumo á cuarta parte
Cun orzamento de 2,5 millóns, o Concello licita un primeiro contrato para implantar o novo sistema en 4.342 puntos de luz da cidade. Unha vez substituídos, o gasto eléctrico e a factura anual caerán ao 25%, segundo trasladou este xoves Abel Caballero, quen resumiu: “Máis luz e con aforro enerxético, polo tanto, loita total contra o cambio climático”.
Vigo lanza un contrato para levar a tecnoloxía LED a 4.342 puntos de luz da súa rede viaria. Abel Caballero informou este xoves en rolda de prensa da decisión de contratar o subministro e a instalación, para o que reserva un orzamento de 2,5 millóns de euros.
“O que estamos facendo é cambiar todo o sistema de iluminación viaria de toda a cidade a luces LED”, explicou o alcalde, quen anotou que unha parte xa foi renovada pero agora, co contrato licitado este xoves, “iniciamos un cambio masivo” co que obter “máis e mellor luz e moitísimo máis barata”. Neste “proceso de eficiencia enerxética”, engadiu, o Concello prevé modernizar tamén os centros de mando “e a forma de ordenar o acendido e o apagado” da iluminación.
Os datos comunicados por Caballero revelan que o troco fará caer o consumo eléctrico e a factura á cuarta parte da actual. Os 4.342 farois obxecto de actuación municipal gastan 2.300.000 kWh de enerxía cada ano, cifra que se reducirá ata os 554.000 grazas á nova tecnoloxía. Unha baixada similar se verá reflectida no recibo a abonar polas arcas municipais: dos 343.000 euros actuais aos 83.000 euros.
O alcalde indicou que a este contrato lle sucederán outros ata completar a actualización da rede de iluminación viaria en toda a cidade con criterios de eficiencia enerxética. De feito, Caballero recordou que están xa en marcha os procesos administrativos para renovar a luz do parque de Castrelos e do monte da Guía. O obxectivo municipal, en verbas de Abel Caballero, pasa por obter “máis luz e con aforro enerxético, e polo tanto loita total contra o cambio climático”.