Escoitar

O número 39 da rúa Zamora loce unha placa en memoria da poeta Xela Arias

O Concello continúa coas actividades conmemorativas do día das Letras Galgas, que este ano distingue a poetisa viguesa -nacida en Sarria – Xela Arias. Xunto coa nai, Amparo Castaño, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o rexedor descubriu un emblema que manterá a memoria desta artista entre as rúas de Vigo para sempre.

venres, 14 mai 2021

Abel Caballero avanzou esta mañá que a placa que loce desde hoxe no número 39 da rúa Zamora permitirá lembrar a Xela Arias e a súa familia sempre entre nós porque “a poesía de Xela e os seus sentimentos están enraizados na rebeldía creativa de Vigo”. Acompañado pola nai e irmáns da artista ademais do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, o alcalde destacou o carácter rupturista dunha artista que foi quen de trazar desde Vigo unha poesía diferente, desde a renovación. Na súa intervención, agradeceu á Real Academia Galega a designación de Xela Arias, pola valentía de romper con pautas culturais do pasado e buscar unha unha artista nova que nos deixou moi cedo e que “vén de renacer neste edificio da rúa Zamora” a onde chegou no ano 69 coa súa familia. Grazas a decisión de dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas a súa poesía, -moi prezada en ámbitos máis ben reducidos – pasou a ser vivida en todo Vigo e en toda Galicia. Antes de rematar, lembrou que a homenaxe a Xela “vai permanecer activa e viva todo no ano, con continuas actividades para que todo o 2021 sexa o ano de Xela”.

O presidente da RAG amosou a súa felicidade pola extraordinaria acollida e participación social que están a ter este ano as actividades organizadas ao redor do día das Letras Galegas. Lembrou a empatía de Xela Arias coas novas xeracións e novas sensibilidades, partindo da eclosión cultural que foi a chamada época da movida en Vigo. Asegurou que botamos de menos á nena de Sarria e moza do Calvario pero está aquí, nesta rúa de Vigo. Agradeceu ao Concello unha iniciativa que “non honra a todos”.

Un dos irmáns de Xela Arias, Xoán, agradeceu ao Concello e á Academia a súa implicación nesta homenaxe porque “nos sentimos enormemente agradecidos, especialmente miña nai para a que esa placa ten especial importancia ao vir da veciñanza”, explicou.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén estivo presente nun acto que contou coa presenza doutros familiares de Xela Arias, así como dun nutrido grupo de veciños.

 

Descargar todas as imaxes