Sting, o 6 de agosto de 2022 en Vigo: “O máis importante concerto na historia de Castrelos”
O artista británico vén de pospoñer a súa xira internacional ao próximo ano, onde presentará o seu espectáculo “Sting: My Songs”, con parada na cidade o 6 de agosto de 2022. Para o alcalde, será “un día memorable” no que se celebrará “o máis importante concerto na historia de Castrelos”.
O líder de The Police tiña previsto actuar no auditorio ao aire libre de Castrelos no 2020 como parte da súa xira internacional, que cancelou pola irrupción da pandemia. Agora Sting vén de anunciar que deixa o seu tour para o próximo ano 2022 e visitará Vigo o 6 de agosto. “Será un gran e memorable concerto”, valorou este venres Abel Caballero, unha data na que terá lugar “o máis importante concerto que se fixo nunca na historia desta cidade”.
“Sting: My Songs” é un dinámico espectáculo que rememora todos os grandes éxitos na prolífica carreira do dezasete veces gañador do premio Grammy, tanto como parte de The Police como sendo solista. Co grupo formado con Stewart Copeland e Andy Summers, incorporado ao salón da fama do Rock&Roll no 2003, publicou cinco álbumes de studio que conseguiron seis premios Grammy e dous Brits. En solitario, Sting recibiu outros 11 premios Grammy, dous Brits, un Globo de Ouro, un Emmy, catro nominacións aos Óscar, unha máis ao Tony e foi distinguido pola revista Billboard como persoa do ano na música no 2014.
TerraCeo
En rolda de prensa, o alcalde tamén anunciou novidades no festival TerraCeo, que se celebra na terraza do Auditorio Mar de Vigo. Caballero avanzou tres novas actuacións de talento vigués: Wöyza, o 3 de xullo ás 13 horas; Tony Lomba e Elio dos Santos, o 8 de xullo ás 20:30 horas; e Batea, o 29 de xullo ás 20:30 horas. Por outra banda, Sanny vai actuar o 3 de xullo, antes do concerto de Sidonie, e Wigga fará o propio coa actuación de Nach do 9 de xullo, mentres que Moon Cresta subirán ao escenario o 19 de xuño, previo ao Sr. Chinarro.
O alcalde, quen definiu o TerraCeo como “o festival más importante de España este verán”, asegurou que con estas incorporacións “haberá grandes actuacións de grupos de Vigo, porque queremos abrir o espazo a grupos da cidade”. Ademais, o Mar de Vigo recibirá aos andaluces Derbi Motoreta’s Burrito Kachimba o 22 de xullo ás 20:30 horas.