O Concello interpón un recurso contencioso contra a obriga de pagar as escolas infantís da Xunta
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a interposición de recurso contencioso-administrativo contra a resolución de aprobación da 1ª liquidación de 2021 do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que impón a Vigo a obriga de aboar 205.000 euros para cofinanciar as escolas infantís de Valadares e da rúa Palencia.
O alcalde criticou o réxime de cofinanciamento das escolas infantís xestionadas pola Xunta de Galicia engadindo que os xuristas municipais consideran que a decisión é “contraria aos principios de estabilidade orzamentaria, ao principio de sustentabilidade financeira e que é contraria á Constitución”, que non prevé como fonte de financiamento a detracción de ingresos dos entes locais. Así, “as decisións de gasto do Concello de Vigo tómaas o Concello de Vigo”, reiterou, “e non o goberno autonómico”.
A Xunta de Galicia reclama ao Concello 205.000 euros anuais polas escolas infantís de Valadares e da rúa Palencia, que xestiona o goberno autonómico, e obriga a Vigo a cofinanciar os seus centros de día de Teis, Coia e Lavadores con 350.000 euros anuais, unha decisión tamén recorrida. “O total que obrigan a pagar á cidadanía de Vigo cos seus impostos suma 555.500 euros anuais que se leva a Xunta de Galicia de Vigo”, censurou Caballero.
Renovación céspede e iluminación do campo do Vao
O rexedor deu conta tamén da adxudicación da contratación das obras de renovación integral do céspede de herba natural e da instalación da iluminación do terreo de xogo do campo municipal de fútbol do Vao en Coruxo, que ten un orzamento de 642.000 euros. O campo disporá de novo céspede de herba natural, mellora da drenaxe e rego, nova iluminación e nova zona de quecemento de xogadores. O Concello acordou o inicio da obra co club a comezos do verán, coa previsión de que estean rematadas en 4 meses.
Amais, o Goberno de Vigo aprobou unha subvención de 20.000 euros a favor do Club Ciclista Rías Baixas para a organización da Copa de España e o Campionato de Galicia de ciclismo de elite e sub-23, que se celebra os días 16 e 17 de maio de 2021. A subvención municipal supón a metade do custo do evento.