Escoitar

Coa aprobación do Pepri do Casco Vello fomentarase a rehabilitación para revitalizar a zona

O concelleiro de Urbanismo en funcións, Xavier Toba, presentou o Plan especial de reforma interior do Casco Vello que pretende protexer e servir de instrumento para a súa revitalización a través de actuacións de rehabilitación.

venres, 13 xuñ 2003
1055508220pepri1.jpg
César Portela e Xavier Toba na presentación
O documento contén unha memoria xustificativa do proxecto, as normativas urbanísticas, fichas do parque edificatorio, un catálogo de elementos e espacios urbanos e un estudio económico-financeiro para a súa execución.

Mediante a Oficina de rehabilitación ofrécense facilidades para solicitar unha licencia de obra dentro do ámbito xestionadas desde dentro do propio Concello de Vigo.

O arquitecto César Portela afirmou que se quere "favorecer a rehabilitación coa introducción de novos valores compatibles coas normas que lles permitan ao home actual habitar un espacio construído noutra época pasada". Preténdese tamén potenciar e recuperar espacios públicos que caracterizan as cidades con maior calidade de vida e mesturar a construcción de nova vivenda coa histórica en relación coa xeografía que se estende do Monte do Castro ao bordo litoral.

Daniel Pino afirmou que este plan dispón de máis de 700 fichas con cadansúa unidade que compoñen o caserío do Casco Vello. Estas fichas conteñen datos básicos de superficie, estado e descrición de elementos característicos coas informacións normativa particular e gráfica na que se recollen alzados, plantas e cubertas. Establécense propostas guía para cada vivenda adecuadas ás leis de patrimonio.

O Casco Vello ocupa 20 hectáreas de superficie a distintas cotas polo que se trataron de conseguir novos usos e posibilidades de comunicacións así como localizacións para o equipamento comunitario.

Previamente á aprobación do plan concedéronse 900 solicitudes de reparación de cubertas, realizáronse 170 actuacións particulares en vivendas, iniciáronse 52 obras e seguen en proceso de tramitación 138 expedientes.

No apartado de financiación do plan estímanse as actuacións en espacios libres e viais cun investimento de 10 millóns de euros, infraestructuras de telecomunicacións de 2 millóns de euros, rehabilitación de edificios de 53 millóns de euros e adquisión de terreos de 6 millóns de euros.
1055508220pepri1.jpg
1055508274pepri2.jpg
Descargar todas as imaxes