Escoitar

As traballadoras do Servizo municipal de Axuda no Fogar serán Viguesas Distinguidas

O alcalde salientou esta mañá que “se sentirá moi honrado” cando lle entregue o galardón de Viguesas Distinguidas ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Estas 397 mulleres que atenden a 1.200 usuarias fixeron un traballo especialmente “inestimable” durante a pandemia.

luns, 12 abr 2021

Abel Caballero anunciou esta mañá que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar recibirán este ano o galardón de Viguesas Distinguidas, un recoñecemento que conta co apoio do grupo Marea de Vigo. Estas 397 profesionais que atenden a 1.200 usuarias realizan un “traballo inestimable sempre, pero especialmente na pandemia”, recoñeceu. Este programa municipal ten un orzamento de 7,7 millóns, dos que unha parte fundamental é para o pago ás traballadoras.

Este nomeamento engádese aos nomes xa propostos polo alcalde de Vigo con anterioridade: Francisco Castro (director da Editorial Galaxia e escritor), os centros de ensino que cumpren 50 anos (Martín Códax, Fonte Oscura e Cristo da Vitoria); as traballadoras sociais, educadoras sociais e técnicas de inclusión social do Concello; o ex subdelegado do Goberno de Pontevedra, Antonio Coello, os Mercados Municipais de Bouzas, Calvario, Travesas, Cabral, Berbés e Teis e o conxunto de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. No acto de entrega destes galardóns -previsto para o verán debido á actual situación sanitaria – lerá o Bando da Reconquista o seu autor, Francisco Puga, presidente de Delta Vigo.