Escoitar

Os Coidadores de Barrio do Concello superaron os mil servizos en marzo

En declaracións este luns, Abel Caballero valorou que o servizo municipal “funcionou extraordinariamente ben” no pasado mes, con acompañamentos a persoas maiores nas súas xestións co médico, a compra ou a farmacia, e en distintas zonas da cidade.

luns, 12 abr 2021

“A pandemia intervén moito no traballo dos Coidadores de Barrio”, explicou o alcalde, e pese a todo este programa municipal vén de superar no mes de marzo os mil servizos prestados aos usuarios.

Segundo detallou o rexedor, o perfil de persoa beneficiaria da iniciativa é unha muller de idade avanzada, que precisa de apoio para pasear, para recados como ir á farmacia ou facer a compra e para acompañamentos de tipo periódico, como acudir ao médico, a algunha actividade lúdica ou a asociacións.

No relativo ás zonas da cidade, a trintena de traballadores “operaron de forma máis ou menos homoxénea”, en verbas de Caballero, cunha actividade “moi repartida” en toda a cidade e funcionamento en función da demanda do servizo. O programa de Coidadores de Barrio, detallou, cubriu as áreas de Martínez Garrido, Lavadores e A Doblada, Casco Vello-centro, Teis, Coia-Bouzas e as Travesas.

Por último, o alcalde puxo en valor o “proceso continuo de formación” dos e das traballadoras “para que o servizo sexa cada vez o máis completo posible”. Así, concretou que os coidades de barrio recibiron cursos sobre ferramentas dixitais ou comunicación.

Descargar todas as imaxes