Escoitar

Abel Caballero propón a Antonio Coello como Vigués Distinguido

O alcalde louvou a figura do subdelegado do Goberno na provincia entre 2012 e 2016 e concelleiro ata o 2011, home que “fixo un traballo, desde as súas posicións políticas, pero tamén institucionais en favor desta cidade”.

luns, 29 mar 2021

En rolda de prensa, Abel Caballero trasladou este luns unha nova proposta para ser galardoado este ano co Vigués Distinguido. Trátase de Antonio Coello Bufill, concelleiro en Vigo ata o 2011 e subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra entre 2012 e 2016.

“Quero que ostente o nomeamento de Vigués Distinguido”, argumentou o rexedor vigués, polo seu “traballo, desde as súas posicións políticas, pero tamén institucionais en favor desta cidade”. Coello, xubilado como funcionario de carreira do Corpos Superior de Inspectores de Traballo e Seguridade Social, ingresou nos anos setenta no Instituto Nacional de Previsión, accedeu ao Corpo Superior da Administración do Estado e exerceu varios cargos da Tesourería Xeral da Seguridade Social. Posteriormente, entre 1994 e 2003 foi designado delegado provincial da Consellería de Xustiza e Relacións Laborais da Xunta, concelleiro en Vigo ata o ano 2011 e, entre o 2012 e o 2016, subdelegado do Goberno de España na provincia de Pontevedra.

O nomeamento, que terá que ser ratificado polo Pleno da Corporación, engádese aos nomes xa propostos polo alcalde de Vigo: Francisco Castro (director da Editorial Galaxia e escritor), os centros de ensino que cumpren 50 anos (Martín Códax, Fonte Oscura e Cristo da Victoria) e as traballadoras sociais, educadoras sociais e técnicas de inclusión social do Concello.