Escoitar

Vigo súmase este sábado á Hora do Planeta e ao Día da Endometriose

O alcalde explicou que o sábado permanecerán apagadas as luces dalgúns edificios e espazos da cidade para concienciar sobre o cambio climático e, ademais, iluminaranse de amarelo as Fontes de Aragón polo día da Endometriose.

venres, 26 mar 2021

O goberno municipal súmase á proposta de WWF (Fondo Mundial da Natureza) para celebrar este sábado 27 de marzo A Hora do Planeta, unha campaña global de mobilización social en favor da natureza e contra o cambio climático.

Así, durante unha hora, entre as 20:30 e as 21:30 da noite, quedarán apagadas as luces do edificio do Concello na Praza do Rei, do MARCO, a fonte dos cabalos da Praza de España, a pérgola da rúa Aragón, a fonte da Gran Vía, a Casa Galega da Cultura e a Casa das Artes.

Tamén mañá sábado 27 de marzo, coincidindo co Día da Endometriose, o goberno municipal iluminará de amarelo as fontes da rúa Aragón, atendendo a petición da Asociación Querendo. As fontes lucirán a cor elixida para concienciar sobre esta enfermidade durante a noite do sábado, excepto de 20:30 a 21:30 horas que permanecerán apagadas pola celebración da Hora do Planeta.