Escoitar

O Concello avanza nas expropiacións e na licitación para ampliar o paseo do Lagares ata Manuel Álvarez

O goberno presidido por Abel Caballero estenderá a senda fluvial desde a Avenida de Madrid ata Manuel Álvarez, case que 3,5 quilómetros máis aos que dedicará 1.215.000 euros. O Concello tramita en paralelo as expropiacións e o expediente para licitar as obras.

xoves, 25 mar 2021

“É un gran soño da cidade, porque o paseo do Lagares é unha das grandes zonas verdes de Vigo”, valorou Caballero este xoves en rolda de prensa. O alcalde informou que o goberno local avanza no proxecto por dúas vías, por un lado na obtención das parcelas e, por outro, na licitación das obras de case 3,5 quilómetros de lonxitude.

O Concello reserva 430.000 euros para afrontar o pago das expropiacións das 96 parcelas afectadas pola ampliación. Ao respecto, Abel Caballero trasladou que actualmente se procede coas notificacións aos titulares e co depósito dos recursos previo á ocupación dos terreos. Ademais, a administración local viguesa xa iniciou a tramitación do expediente para licitar as obras, cun presentan un orzamento de 785.000 euros.

O proxecto contempla plantar 140 exemplares de freixos e carballos na nova senda desde a Avenida de Madrid ata Manuel Álvarez, ademais doutros 640 arbustos pequenos “para recuperar a biodiversidade”, en verbas de Caballero. Unha vez estea rematada a obra, só restará un último tramo do río, á altura do polígono de Miraflores; o Concello está a negociar cos seus titulares, segundo detallou.

“Estou moi orgulloso desta recuperación do río”, manifestou o alcalde: “Recuperamos biodiversidade, fauna, flora e agora estamos facendo 3,5 quilómetros de paseo”. Caballero recordou que “hai uns días” concluíu unha limpeza da marxe do Lagares por valor de 112.000 euros e subliñou que esta actuación é de competencia autonómica, máis a Xunta de Galicia adica ao río “cero euros”.