O alcalde pon en valor a aposta da cidade pola transición ecolóxica
Abel Caballero participou este mércores na apertura do encontro empresarial “Estratexias para o futuro de Galicia: transición ecolóxica”, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia e Iberdrola, no que interveñen autoridades españolas e galegas, pemes e empresas que traballan neste eido.
O alcalde explicou que a cidade leva 12 anos traballando na transición ecolóxica con novas formas de mobilidade vertical, que contribúen á eliminación de coches da rúa e salvan a orografía da cidade; coas humanizacións, o Vigo Verde, as beirarrúas anchas ou o carril bici que xera unha nova cultura.
Ademais, apuntou Caballero, o futuro está no automóbil eléctrico e “nisto levamos tempo involucrados” tamén con Zona Franca con dous eixos principais: a proposta dunha planta de hidróxeno verde detrás de PSA, que aproveite os excedentes de enerxía eléctrica para uso de hidróxeno por parte de transportes urbanos, e a proposta dunha planta de baterías na contorna de Vigo “porque queremos seguir no verde”.
“O futuro está aquí e o verde e a actuación desde o verde xa está presente”, engadiu.