Escoitar

O alcalde propoñerá a Francisco Castro, director da editorial Galaxia, como Vigués Distinguido

Abel Caballero anunciou este martes en rolda de prensa a súa proposta de nomealo Vigués Distinguido neste ano 2021 pola súa “extraordinaria contribución ao mundo da cultura durante tantos anos”.

martes, 23 mar 2021

O alcalde salientou o labor desenvolvido pola Editorial Galaxia ao longo da súa traxectoria na que foi “capaz de encontrar espazo nese mundo tan complicado nunha marabillosa combinación do seu amor a Galicia, a querenza a lingua e proposta en lingua galega”.

En referencia particular a Francisco Castro, director xeral de Galaxia e escritor, Abel Caballero destacou a súa “capacidade como escritor extraordinario” nomeando algúns dos títulos da súa autoría como “As palabras da néboa”, “Spam” ou “Memorial do infortunio”.

O rexedor explicou que o acto de entrega dos galardóns deste ano queda adiado ata que as condicións sanitarias permitan celebralo e, namentres, continuarán as propostas de nomeamento dos premiados este ano.