Abel Caballero erixe a Vigo en “modelo de recuperación de cascos históricos”
O alcalde e presidente da FEMP participou de forma telemática na xornada “O futuro dos centros históricos das cidades”, organizada polo Colexio de Rexistradores de España. Caballero citou ao Casco Vello vigués, a acción sobre locais e vivendas, a peonalización da Porta do Sol e os proxectos para o Barrio do Cura e a Panificadora.
En declaracións posteriores en rolda de prensa, Abel Caballero asegurou que “somos un modelo de recuperación de cascos históricos” e que as cidades, “e singularmente Vigo”, “estamos a prestar unha enorme atención” ás zonas vellas para convertelas en “lugares de encontro”.
Para o alcalde, o caso de Vigo é “notable”, cunha recuperación a través da acción do público e do privado, en espazos, locais e vivendas. Abel Caballero, que censurou que o Consorcio do Casco Vello “está actuando con demasiada lentitude porque a Xunta non o recapitaliza”, valorou o traballo municipal de “recuperación social” na zona antiga da cidade, un traballo que vaise reforzar coa promoción do Barrio do Cura, coa recuperación da Panificadora e dos inmobles diante da Basílica.
Segundo recordou, o “enfoque” do Concello de potenciación da zona vella prosegue coa proposta de alugar os baixos do Consorcio para darlles utilidade socioeconómica e cultural e tamén coa obra de peonalización da Porta do Sol. “Somos un modelo de recuperación de cascos históricos”, concluíu Caballero.
Madrid
Tamén por vía telemática, o alcalde de Vigo e presidente da FEMP participa na tarde deste mércores no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, presidido pola Ministra de Sanidade, Carolina Darias, que tomará decisións sobre as normas Covid na ponte de San Xosé e na Semana Santa. Ao remate, Caballero anunciou que viaxará a Madrid para reunirse, este xoves, coa vicepresidenta cuarta do Goberno de España e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, “para falar de todo o relativo ao medioambiente e da enerxía para os fondos europeos”.
“De novo estará Vigo dirixindo o proceso de fondos europeos en todos os concellos de España”, manifestou o alcalde, quen avanzou que presentarase con “moita expectativa nesta reunión e no bo facer de Teresa Ribera”. A cita será para cuestións xerais, máis Caballero xa avanzou que Vigo presentará proxectos europeos ao Ministerio de Transición Ecolóxica.
Na tarde do xoves, Abel Caballero tomará parte no acto organizado por mor do Día europeo das vítimas do terrorismo, nos xardíns do Campo do Moro do Palacio Real, presidido por Felipe VI e coa participación do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. “Creo que é un momento simbólico para que os concellos, representados por min como presidente da FEMP, esteamos presentes do lado do Rei e do presidente do Goberno de España”, afirmou.