Vigo promove ante Europa un proxecto de fábrica de baterías eléctricas para automóbiles
Presentado este martes na Zona Franca, Abel Caballero subliñou que a idea naceu no outono e culmina agora cunha proposta “a favor da industria e do territorio, e compatible con outros proxectos similares”. Cun investimento estimado en 151 millóns, Vigo optará a fondos Next Generation da Unión Europea.
O Consorcio da Zona Franca de Vigo acolleu este martes a presentación do manifesto de interese enviado ao Goberno de España para o proxecto dunha fábrica de baterías eléctricas, que inclúe tamén laboratorios de tecnoloxías de propulsión limpa, no marco dos fondos europeos Next Generation e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O acto contou coa participación do delegado do Estado no Consorcio, David Regades, da directora de Innovación do CTAG, Ana Paúl, e da presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero.
“Para chegar á meta, hai que saír; se non se sae, non se chega á meta”, exemplificou na súa intervención Caballero, quen detallou que o xerme deste proxecto que culmina este martes coa súa presentación naceu no outono, “a favor da industria e do territorio e compatible con outros proxectos similares”. "Non negamos a capacidad de ninguén, pero tampouco ninguén pode negar a nosa capacidade", concluíu.
Pola súa banda, o delegado de Zona Franca, David Regades, destacou que os laboratorios “diferencian a este proxecto, que ten como obxectivo ancorar a industria da automoción, mellorar a súa competitividade, abastecer a demanda de baterías de fábricas de automoción na península, abastecer a demanda doutros participantes do proxecto, así como crear un centro de competencias e investigación e desenvolvemento do vehículo eléctrico”. Xunto a iso “manter a posición de Vigo como referente europeo na produción de vehículos”. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, valorou que xa son dúas os proxectos que presentou o Consorcio, co da fábrica de hidróxeno, e dixo que “é unha sorte ter a Zona Franca”. A directora de innovación de CTAG, Ana Paúl, sinalou que para o centro tecnolóxico “a mobilidade eléctrica é unha prioridade” para “facer máis atractivo o noso sistema de innovación e poder captar novos proxectos”.
A fábrica de baterías tería unha capacidade de produción inicial de 2 GWh ata lograr 16 GWh na fase final, cunha produción de 300.000 baterías eléctricas. O investimento alcanza os 151,7 millóns. A creación de emprego tería dúas fases, na primeira serían 100 empregos directos e 1.000 empregos indirectos e na segunda, coa fábrica a pleno rendemento, máis de 800 empregos directos e 8.000 indirectos. Un dos puntos fortes do proxecto son os laboratorios de tecnoloxías de propulsión limpa asociados, un deles integrado no proxecto e outros catro de apoio liderados por CTAG. O Centro de competencias liderado por CTAG asociado ao proxecto conta con laboratorio de desenvolvemento de cadea de tracción mecánica, laboratorio de prototipos de celas, módulos e packs, laboratorio de validación de celas, módulos e packs de alta tensión e laboratorio de abuso.
Máis dunha vintena de empresas e institucións están involucradas neste proxecto, un ecosistema que cobre a cadea de valor do sector. O ecosistema irá ampliándose e a medida que se incorporen novos axentes, o papel da Zona Franca de Vigo irá diminuíndo o seu peso de forma que a titularidade será das empresas.
En canto ás fases do proxecto son catro. A primeira é a instalación dos laboratorios; a segunda a fabricación de prototipos nunha planta piloto; a terceira, o centro de produción cun obxectivo inicial de 2 GWh ao cumprir os 3 anos e 35.000 baterías e a última fase sería a ampliación de capacidade da fábrica ata os 16 GWh e unha produción de 300.000 baterías.
A manifestación de interese presentada por Zona Franca destaca que Vigo é un enclave ideal pola proximidade aos fabricantes de vehículos, na propia cidade unha produción superior aos 500.000 vehículos; a menos de 500 km, unha produción superior aos 840.000 vehículos e na Península ibérica máis de 3 millóns. Pero, ademais, o sector da automoción está moi arraigado e hai unha forte presenza de centros tecnolóxicos. Tamén conta a proximidade a materias primas.
Na actualidade hai máis de catro millóns de vehículos eléctricos en circulación no mundo. Prevese que esta cifra ascenda a entre 50 millóns e 200 millóns para 2028 e que chegue ata os 900 millóns para 2040. A UE ten como obxectivo 30 millóns de coches eléctricos en 2030.
O impacto positivo do proxecto na sociedade e a economía é evidente porque con el impúlsase a economía a través dunha necesidade do mercado, xérase emprego cualificado e investimentos relacionados, obtéñense patentes, impúlsase a mobilidade sostible, ancórase a industria da automoción ao territorio e mellórase a súa competitividade e contribúese tanto á transformación dixital como á transición ecolóxica. Un coche eléctrico emite 2 toneladas menos de CO2 ao ano que uno de combustión térmica, estimación que inclúe as emisións asociadas á fabricación de baterías. A redución estimada de CO2 deste proxecto sería de 600.000 toneladas de CO2 ao ano.