O ascensor de García Barbón será un “gran complemento” para o edificio de Vialia
No Auditorio Mar de Vigo entregouse esta mañá o primeiro premio do concurso de ideas para deseñar o ascensor de García Barbón. O alcalde avanzou antes en rolda de prensa que esta infraestrutura será un “gran” complemento para o edificio de Vialia, deseñado por Thom Mayne.
O alcalde fixo esta mañá entrega do diploma simbólico ao gañador do concurso de ideas para deseñar o ascensor de García Barbón, o equipo Arenas y Asociados, Ingeniería de Diseño, en colaboración con: [AM]² (estudio vigués) e Noarq (estudio de arquitectura de José Carlos Nunes de Oliveira, ubicado en Oporto, que forma parte do equipo de Álvaro Siza, Premio Pritzker de Arquitectura. Tal e como decidiu o xurado, o segundo clasificado foi ADITUS 7.500, asinado por Fhecor Ingenieros Consultores SA e o terceiro, MADEIRA POLAS NUBES, está encabezado por Abalo Alonso Arquitectos, en colaboración con Mecanismo Diseño y Cálculo de Estructuras SL.
O gañador, ademais de recibir 70.000 euros, redactará o proxecto -un ascensor de 41,5 metros - e será o responsable da dirección facultativa das obras. O prazo para a construcción desta infraestructura -que conta cun orzamento de 7,2 millóns – é de dous anos a partir deste momento, tendo en conta que o tempo estimado para a redacción e execución do proxecto é de 6 meses e o de licitación e execución, doutros seis. O prazo previsto de obras é dun ano, calculou o rexedor, aínda que se intentará que estea listo en dez meses.
Durante a rolda de prensa, Caballero lembrou que o xurado estivo formado por técnicos municipais, técnicos da Deputación, un representante de Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, un representante da Axencia Galega de Infraestruturas, dous membros dos colexios profesionais de Arquitectos e Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.
Caballero destacou que esta nova infraestrutura do Vigo Vertical será un “gran complemento” para o edificio que o arquitecto Thom Mayne deseñou para a estación de Vialia.