Escoitar

"Agrupémonos todos", unha reflexión sobre as multitudes no Marco

Distintas formas de agrupación humana, dende a reunión á masa despersonalizada, constitúen o eixo da exposición "Agrupémonos todos. Gregarismo, lecer e outros motivos de xuntanza", a nova mostra temática que o venres, 20 de xuño, inaugura o Museo de Arte Contemporánea.

xoves, 19 xuñ 2003
105595760901MagdalenaAbakanowicz.jpg
MagdalenaAbakanowicz
A exposición colectiva é coproducida polo museo Artium de Álava e conta coa colaboración do Faro de Vigo que edita a publicación en formato xornal que sustitúe ao tradicional catálogo.

Tanto o deseño do "periódico", inspirado nos diarios de loita obreira de comezos do século XX, coma o lema da exposición, tomado da Internacional, remiten á reflexión sobre a potencialidade revolucionaria da xuntanza fronte á masificación actual, baleira de significado obxectivo.

Así, a mostra ofrece múltiples lecturas dende o punto de vista sociolóxico, histórico, político, literario poético e visual; o que desemboca nunha visión irónica, humorística ou amarga da realidade de fins do século XX e inicio do XXI, a través dos traballos de 19 creadores de 12 países. As obras, na súa maioría fotografías, pero tamén vídeos e instalacións, comparten retratar masas de xente, imaxes colectivas e, á vez anónimas, sen protagonista individual, situando as multitudes en diálogo co espectador.

A escolma principia cos ensaios visuais sobre as aglomeracións de Jerôme Lefdup, a partir das imaxes de arquipos históricos, subliñando o seu significado mediante música, da que tamén é autor.

Ademais, a colectiva inclúe outras propostas como as de Spencer Tunick, Zhang Huan, Mira Bernabeu, que dende o corpo espido analizan a cultura do espectáculo, os movementos de masas ou a sociedade deconsumo.

Pola súa banda, a británica Eva Bensasson encara a anulación dos individuos na sociedade contemporánea, a igualar perfís; mentres Sylvie Blocher utiliza o contraste entre os cánticos proletarios e as melodías infantís para sorprender ó espectador. Andreas Gursky investiga os xestos disciplinados ou frenéticos das multitudes en escenarios laborais ou de lecer. A enaxenación dos personaxes sen rostro centra as instalacións de Magdalena Abakanowitz, procurando plamar a manipulación da multitudes.

A perspectiva narrativa ocupan as creacións de João Tabarra e Olivo Barbieri, así como a poética impregna as imaxes de Serxio Belinchón, en contraposición ao lecer, enchido de simbolismo, de Marcos López ou de Adi Nes. Pola contra, Claude Levêque afonda na multitude dende a súa ausencia fronte a iconas para masas como Mickey Mouse. Asemade, a exposición abrangue, xunto ás fotografías, vídeos e a instalación interactiva de Hiroyuki Matsukage, que permite que o espectador goce de auténtico protagonismo.

O profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade do País Vasco e director do Artium, Javier González de Durana é o comisario da mostra.
105595760901MagdalenaAbakanowicz.jpg
105595763402OlivoBarbieri.jpg
105595768703SergioBelinchon.jpg
Descargar todas as imaxes