Escoitar

O goberno de Vigo aproba o VII Programa de medianeiras cun orzamento de 480.000 euros

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á posta en marcha do programa municipal para arrumbar medianeiras e outros elementos verticais con incidencia sobre a vía pública ao abeiro do cal xa se realizaron 133 murais na cidade.

mércores, 23 dec 2020

O alcalde explicou que o obxectivo deste programa é contribuír ao proceso de recuperación e revitalización da contorna urbana e comercial e da paisaxe urbana de Vigo, poñendo en valor o patrimonio da cidade, mellorar a calidade de vida cidadá e dar a coñecer e valorar as obras dos artistas urbanos representantes da nova arte contemporánea.

Ademais, o programa inclúe a realización de actividades artístico-culturais durante a execución dos traballos: talleres de pintura na rúa, performances, actividades musicais…

O Concello puxo en marcha o programa municipal de medianeiras no ano 2015 e, dende entón, téñense realizado xa 133 intervencións en espazos urbanos, tanto na ría como en centros educativos, consolidándose o carácter internacional do evento coa presenza de artistas consagrados da escena mundial.

Oferta Pública de Emprego 2020

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a proposta de aprobación da Oferta Pública de emprego do Concello de Vigo para o ano 2020 que suma 85 prazas, das que 49 son da quenda libre. Está pendente tamén a convocatoria de emprego dos anos 2017, 2018 e 2019, que se realizará en cato o permita a normativa sanitaria. Son 86 prazas 62 para policía e 24 para bombeiros.

Cofinanciamento dos centros de día

Quedou aprobada tamén a proposta de interposición de Recurso Contencioso Administrativo contra as liquidacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar correspondentes aos centros de día de Teis-Atalaia, Coia e Valadares do segundo semestre de 2020. O rexedor censurou que a Xunta de Galicia obrigue ao Concello a aboar 350.000 euros anuais para cofinanciar estes centros de día titularidade do goberno autonómico e que este xestiona de forma exclusiva. “A Xunta non só non dá senón que nos quita diñeiro da cidade”, apuntou o alcalde, xa que sumando o cofinanciamento das escolas infantís, Vigo debe aboar máis de 500.000 euros anuais por estes conceptos á Xunta.

 

Descargar todas as imaxes