Escoitar

O Concello acomete a limpeza e conservación das marxes do río Lagares

O alcalde visitou este martes os traballos, aos que se dedican 112.000 euros e que se prolongarán durante dez días e 17 quilómetros de leito fluvial, para mellorar a capacidade do río, reducir os contaminantes e retirar elementos artificiais. O goberno de Vigo traballa tamén nun proxecto de iluminación e nas expropiacións para estender o paseo da Avenida de Madrid ata Manuel Álvarez.

martes, 22 dec 2020
O alcalde visitou este martes a marxe do Lagares, á altura da rúa Pablo Iglesias
O alcalde visitou este martes a marxe do Lagares, á altura da rúa Pablo Iglesias

Dividido en cinco tramos, dúas empresas encárganse das obras de limpeza, conservación e mantemento de 17 quilómetros de leito do río Lagares. Os operarios están a retirar elementos arrastrados e caídos, realizando podas en altura e preventivas, e tamén rozas, entre outras tarefas. Abel Caballero detallou en rolda de prensa as funcións que realiza o Concello "sen competencias" na materia, logo de achegarse este martes ata o paso elevado á altura da rúa Pablo Iglesias para comprobar o estado duns traballos que durarán dez días e aos que se destina un investimento de 112.000 euros.

Segundo explicou, o goberno de Vigo promove un proxecto integral para o río Lagares, que pasa pola limpeza das marxes fluviais, o coidado do paseo e tamén pola mellora da súa iluminación, tal e como avanzou Caballero, que proxecta para o tramo desde a Avenida de Madrid ata a desembocadura.

Por outro lado, o Concello avanza na tramitación administrativa para expropiar o solo que permita prolongar o paseo desde a Avenida de Madrid a Manuel Álvarez. Para a obtención do solo, a administración local reserva 430.000 euros dos 785.000 totais do proxecto, que concluirá con 3,2 quilómetros máis de senda peonil. Dito proxecto incorpora un estudo ambiental de todo o trazado, que recolle a plantación de 140 árbores de gran porte (freixos e carballos) e a recuperación da biodiversidade das marxes e espazos fluviais mediante arbustos e pequenas árbores adaptadas ao entorno, segundo precisou Caballero.

O alcalde visitou este martes a marxe do Lagares, á altura da rúa Pablo Iglesias
Descargar todas as imaxes