O goberno de Vigo continúa a entrega de 45.000 máscaras protectoras
Este mércores realizará o reparto de máscaras faciais de protección contra o Covid-19 na contorna dos mercados do Calvario, Travesas, O Progreso e o Berbés. Forman parte do envío dun total de 45.000 unidades feito polo Goberno de España ao Concello.
O Concello continúa mañá mércores coa entrega destas máscaras nos mercados do Calvario, Travesas, O Progreso e o Berbés, logo do reparto realizado a pasada fin de semana no Calvario, Teis, Bouzas e Cabral. Para estes espazos destínanse 10.000 unidades.
Ademais, na última semana entregáronse 30.000 máscaras a colectivos vulnerables ou en risco de exclusión a través de entidades sociais, asociacións, ONGs, comedores sociais, CEDRO, albergue municipal e directamente aos usuarios dos servizos sociais municipais que acudan ás Unidades de Traballo Social. As asociacións de maiores de Vigo recibirán un total de 5.000 máscaras protectoras.