Escoitar

Vigo conta con 15 asesores da normativa Covid para a hostalería, financiados polo Concello

Explicou Abel Caballero que comezan a traballar este mércores e durante catro meses e medio, iniciativa para a que o Concello achega 75.000 euros á Federación de Empresarios de Hostalería. Sen función sancionadora, os asesores velarán polo cumprimento das medidas hixiénico sanitarias contra o coronavirus en cafés, bares, restaurantes e hoteis.

mércores, 23 dec 2020
Abel Caballero e os concelleiros de Turismo, María Lago, e Comercio, Ángel Rivas, saudaron este mércores aos asesores
Abel Caballero e os concelleiros de Turismo, María Lago, e Comercio, Ángel Rivas, saudaron este mércores aos asesores

O alcalde, Abel Caballero, achegouse este mércores á Porta do Sol para saudar aos profesionais que comezan o seu traballo de asesoría sobre as normas Covid, contratados en virtude dun convenio entre o Concello e a Federación de Empresarios de Hostalería da Provincia (Feprohos).

Por un importe de 75.000 euros con cargo á administración que preside Caballero, os quince traballadores asesoran a hostalería e clientela sobre as medidas hixiénico sanitarias en vigor en materia do coronavirus. O alcalde recalcou que os controladores non teñen obxectivo sancionador e operarán adaptados aos horarios de apertura do sector e durante un mínimo de catro meses e medio. Abel Caballero non desbotou ampliar o prazo se é preciso, “se a pandemia continuase”.

“Hoxe mesmo pagamos 75.000 euros para apoiar á hostalería”, indicou o primeiro edil en rolda de prensa, quen engadiu que o Concello conta con outros 25 profesionais para controlar distancias e aforo nas principais rúas da cidade. Os “asesores Covid”, trasladou o alcalde, buscan “transmitir tranquilidade na utilización da hostalería”.

Descargar todas as imaxes