Escoitar

O Concello aproba o Orzamento para 2021, “o máis alto da historia de Vigo”

O Pleno Municipal aprobou este mércores de forma definitiva o presuposto do Concello para o vindeiro ano que ascende a 264 millóns de euros, co voto en contra dos grupos da oposición.

mércores, 23 dec 2020

Abel Caballero valora como “paso histórico” a validación pola Corporación Municipal do Orzamento Municipal para 2021 ao ser o décimo quinto aprobado de forma definitiva e o “máis alto da historia de Vigo”.

En rolda de prensa, o rexedor detallou que os Orzamentos municipais para 2021 teñen menor presión fiscal, recollen unha baixada dos impostos, con débeda cero, con 20 millóns de dedicación á Política Social, unha área que non terá límite de gasto, de xeito que se engadirá aquilo que sexa necesario. Lembrou o alcalde que, desde que é alcalde aumentou un 326% a dedicación social do orzamento e un 140% a partida de emprego. O documento contempla investimentos por valor de 26 millóns de euros aos que cómpre sumar os 36 millóns de remanentes aprobados recentemente e que, para Caballero, “xeran emprego”. Destacou tamén a importancia das bonificacións aplicadas polo Concello a 12.000 actividades comerciais no ano 2020, 5 millóns de euros para aplicar a taxa cero en terrazas, auga e vados non cobrados, polo que son “milleiros de familias” as que ven rebaixados os seus impostos así como o sector hostaleiro que suma “millóns de euros” de bonificacións.

O Pleno do Concello validou este mércores o Orzamento para 2021 co rexeitamento do PP, Marea de Vigo e o concelleiro non adscrito, nun debate no que o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu que estas contas permitirán “xerar economía” porque “contemplan un gasto público produtivo” que impulsará a recuperación da cidade despois da pandemia. Amais subliñou que o documento é un “garante dos servizos públicos esenciais da cidade, poñendo o diñeiro da xente a disposición da xente”.

O voceiro popular, Alfonso Marnotes, criticou que os Orzamentos non inclúan axudas directas a comercio e hostalería sendo “insolidarios, inxustos e non van ser eficaces nin se vai executar” amais de rexeitar o investimento en política social.

Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo, censurou que o goberno municipal rexeitara as propostas cidadáns para o presuposto e cualificou de insuficientes as partidas de Benestar.

O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, sinalou que o presuposto está “fóra da realidade, movido pola innercia como se pandemia non existira” polo que representa unha “oportunidade perdida” para Vigo.

O voceiro socialista, Carlos López Font, lamentou que á oposición lles “molesten” as grandes obras da cidade e falou de “día histórico” no que se aprobou o “orzamento da estabilidade e de atender a todos”.

 

Descargar todas as imaxes