O Concello pide á Xunta asumir o custo de desinfección e dialogar con Foanpas para abrir os comedores escolares
Dúas mocións presentadas polo grupo do goberno de Vigo reclaman á Xunta de Galicia que se faga cargo do custo extraordinario de desinfección nos colexios -que presta o Concello e estima en 616.000 euros- e que abra unha mesa de diálogo coa Federación de ANPAS para dotalos de recursos para poder prestar o comedor escolar, aulas matinais e actividades extraescolares.
A primeira das mocións demanda do goberno autonómico que asuma o custo económico da desinfección extraordinaria dos centros educativos vigueses polo Covid-19, en función do indicado no protocolo e que prestará o Concello de Vigo por uns 616.000 euros para o curso que comeza. O texto foi presentado polo grupo de goberno local e apoiado por todos os partidos salvo o Partido Popular, que se abstivo.
O escrito aprobado apoia o protocolo autonómico para reforzar a limpeza dos colexios, mais considera que o gasto debe repercutir na Xunta de Galicia como administración competente na materia, habilitando un fondo para financiar este servizo extraordinario de desinfección nos centros educativos.
A segunda moción insta á Xunta de Galicia a establecer de forma inmediata unha mesa de diálogo coa Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo (Foanpas) e dotala dos recursos necesarios para poder asumir os servizos de comedor, aulas matinais e extraescolares, “dado que o Concello asígnalle xa 606.000 euros para estas cuestións”. Novamente o acordo foi adoptado co voto favorable de todos os edís salvo os catro do Partido Popular, que se abstiveron.
O documento denuncia que a Xunta non recibe a Foanpas desde o 5 de agosto e este “abandono” autonómico “fai imposible que Foanpas poida asumir a xestión dos comedores escolares e servizos complementarios”, que afectan ao comedor duns 2.500 escolares e ás extraescolares duns 15.000.