Escoitar

Concello e Deputación abren o carril bici desde Teis ata a Avenida de Europa

Abel Caballero e Carmela Silva acudiron hoxe martes a Pizarro para o acto simbólico de posta en marcha dos novos tramos desta senda ciclista que xa une a Avenida de Buenos Aires con Coia. O Concello xa traballa nas expropiacións para estendelo ata Samil e nun plan director para deseñar un mínimo de tres carrís bici máis.

martes, 8 set 2020
De esquerda a dereita, Santos Héctor, Carmela Silva, Abel Caballero e Javier Pardo
De esquerda a dereita, Santos Héctor, Carmela Silva, Abel Caballero e Javier Pardo

O alcalde, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, inauguraron este martes o carril bici que parte da Avenida de Buenos Aires e conclúe na Avenida de Europa, novos quilómetros de senda ciclista xa dispoñibles coa única excepción do cruce da Gran Vía en Venezuela, pendente pola obra de instalación das ramplas mecánicas.

En declaracións aos medios, Abel Caballero detallou algunhas das medidas de seguridade que inclúe o carril bici, pintado de vermello nas interseccións, con centos de novos semáforos e 1.600 tacos de plástico que o separan dos carrís para vehículos a motor, ademais de sinais que regulan os cruces, sinais horizontais no carril que advirten de vados e garaxes e firme antideslizante.

O Concello de Vigo xa traballa na tramitación das expropiacións para obter o solo que permita estender o carril bici pola Avenida de Europa ata Samil, segundo recordou Caballero. Contado este investimento, o total da senda ciclista desde Teis ata a nomeada praia achegarase aos dez millóns de euros.

Por outra banda, o alcalde adiantou que o goberno que encabeza elabora un plan director para a implantación de novos carrís bici en Vigo. Abel Caballero avanzou que terá un mínimo de tres novos trazados na cidade, sen contar coa senda verde que unirá a estación de Urzáiz en Vía Norte con Teis pola antiga vía do tren.

Durante a visita, Silva subliñou a “transformación” experimentada pola cidade nos últimos anos, puxo en valor este “novo modelo de mobilidade que promove as peonalizacións e o uso ciclista das rúas” e elevou a Vigo en “referencia de accesibilidade, mobilidade e seguridade viaria”. Abel Caballero, pola súa banda, contextualizou este carril no marco dunha “ecocidade” que prima os espazos para a cidadanía e os sistemas de transporte sen emisións, como a senda ciclista ou os ascensores e escaleiras mecánicas do Vigo Vertical.

Descargar todas as imaxes