Escoitar

O Pleno aproba a ordenanza reguladora do uso e desfrute das praias de Vigo

A nova Ordenanza Municipal Reguladora do Uso e Desfrute dos Areais do termo municipal de Vigo foi aprobada este mércores no Pleno ordinario cos votos favorables do grupo socialista e a abstención de PP, grupo mixto e concelleiro non adscrito. La concelleira de Medio Ambiente destacou que as medidas tomadas polo goberno local nas praias “son un exemplo para outros concellos”.

mércores, 9 set 2020

O Pleno Municipal Ordinario do mes de setembro aprobou este mércores a nova Ordenanza Reguladora do Uso e Desfrute dos Areais do termo municipal de Vigo no que se regula a normativa das praias e os espazos libres de fume. A ordenanza recibiu os votos favorables do grupo do PSOE, mentres que PP, grupo mixto e concelleiro non adscrito decidiron absterse.

Durante a súa intervención, a concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, destaco que tanto o servizo de socorrismo como as medidas tomadas polo goberno local nos areais para loitar contra a pandemia do Covid-19 “serven de exemplo para outros concellos”.

Xabier Pérez Igrexas, concelleiro nacionalista, considerou a nova ordenanza como “positiva” e afirmou que “coincidimos en termos xerais”, pero engadiu que non apoiaría ao non contar coas achegas feitas desde o BNG. Pola súa banda, Rubén Pérez, do grupo mixto, solicitou que se ampliara a cobertura do servizo de socorrismo durante máis tempo e mencionou a “necesidade de repensar os sistemas mecánicos e limpeza”. No caso do concelleiro “popular” Jesús Marco, quen tamén anunciou a abstención do seu grupo, fixo fincapé na necesidade de regular a venta ambulante.

Tras a súa aprobación inicial no Pleno e logo da exposición pública, a Ordenanza deberá ser aprobada de forma definitiva. Unha vez en vigor, o goberno de Vigo poderá determinar os areais que declara libres de fume.