O Pleno Municipal aproba o acordo entre a FEMP e o Goberno para utilizar os aforros dos concellos
O Pleno Municipal aprobou este mércores cos votos do grupo municipal do PSOE o acordo subscrito entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Goberno de España para utilizar integramente os recursos que equivalen aos remanentes líquidos de Tesourería. O alcalde asegurou que Vigo recibirá 128 millóns de euros, 40 a fondo perdido.
O Pleno Municipal ordinario do mes de setembro aprobou este mércores, cos votos do PSOE, o acordo entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Goberno de España para aprobar no Congreso dos Deputados o Real Decreto Lei que permitirá utilizar integramente os recursos que equivalen aos remanentes líquidos de Tesourería sen que computen en regresa de gasto nin en déficit.
“Poderemos gastar os remanentes a pesar da lei Montoro, porque ninguén da alternativa e a única opción sería deixar o diñeiro os bancos”, sinalou o alcalde, Abel Caballero. O propio rexedor defendeu unha moción na que saíu adiante un decálogo ao que se acolle o Concello de Vigo en favor do acordo. En dita proposta queda recollida a posibilidade dos municipios de prorrogar o superávit do 2018 e utilizar o de 2019, que supón máis de 3.000 millóns de euros.
Caballero desvelou que así Vigo disporá de 128 millóns de euros, 40 millóns "a fondo perdido" do paquete de 5.000 millóns que se transferirán ás entidades locais, e outros 8 millóns do fondo de transporte, ademais da devolución dos 80 millóns de remanentes en prazos ao longo da próxima década.
“Incautación pola lei Montoro”
O alcalde e presidente da FEMP volveu a defender o acordo alcanzado co Goberno, que é "moi conveniente para a cidade", e que permite dar solución, da "única maneira posible", á "incautación" de aforros dos concellos provocada pola lei Montoro. A ese respecto, apuntou que a derrogación desa norma supón tempo e complexidade técnica, e reiterou que a aplicación deste acordo é "voluntaria".
Por todo iso, Abel Caballero fixo un chamamento aos grupos políticos para que convaliden o Real Decreto Lei no Congreso, e incidiu na disposición de deixar en mans dos partidos a discusión das partes do acordo que xeran máis discrepancias, basicamente a repartición do fondo de 5.000 millóns que os concellos "non teñen que devolver".
Caballero advertiu de que se o Real Decreto Lei non sae adiante, os concellos "non terán nada", e a alternativa é que os seus aforros sigan nos bancos sen poder gastarse, ademais de que non se respectará a autonomía municipal para decidir a onde se destinan eses fondos.
8.000 concellos con remanentes
Insistiu tamén en que, neste momento, o uso dos remanentes por parte dos Concellos non é posible porque supón incorrer en déficit, “algo que non está permitido aos gobernos locais”. A fórmula sinalada para poder utilizalos sen faltar á lei é a recollida tanto na Real Decreto-Lei que mañá será visto no Congreso, como no acordo subscrito entre a FEMP e o Goberno, acordo adoptado na Xunta de Goberno da Federación nunha votación cuxa validez democrática tamén defendeu Caballero.
Durante a súa intervención, o alcalde e presidente da FEMP insistiu en que “son case 8.000” os Concellos que contan con remanentes nos bancos, e 240 os que non dispoñen deles aínda que o RDL contempla fórmulas de apoio económico, e sinalou que a maior parte dos gobernos locais pequenos e medianos atópanse no primeiro grupo. Abel Caballero dixo que todos eles han de ter autonomía na súa decisión de utilizar ou non os seus remanentes, “que non decidan por nós na nosa competencia. O que facemos cos nosos remanentes decidímolo nós, os Concellos”.
Moción do PP
A moción defendida polo rexedor olívico foi aprobada cos votos favorables do PSOE; mentres que Marea de Vigo abstívose e tanto PP como BNG votaron en contra. En cambio foi rexeitada outra moción, presentada polo grupo municipal do PP, que reclamaba ao Concello que apoie "o recurso de inconstitucionalidade que presentará o grupo popular no Congreso dos Deputados" contra ese Real Decreto Lei. A proposta do PP foi rexeitada pola Corporación, xa que só votaron a favor o catro edís deste grupo, mentres que o resto de concelleiros votaron en contra.