Escoitar

Vigo abrirá os museos o 2 de xuño

Segundo explicou este luns Abel Caballero, a rede de museos municipais abrirá as súas portas a próxima semana, o martes 2 de xuño. Ademais, desde este luns poden presentarse solicitudes ás escolas infantís municipais.

luns, 25 mai 2020

Celebrada en sesión extraordinaria o pasado venres, a Xunta de Goberno Local acordou retomar o contrato de servizos de atención ao público nas dependencias da rede de museos municipais, suspendido desde o 14 de marzo polo peche destas instalacións.

A aprobación posibilita a reapertura do Museo de Castrelos, a Pinacoteca, a Casa das Artes, a Casa Galega da Cultura e o Verbum, sempre cumprindo co establecido pola autoridade sanitaria ante a crise do coronavirus. Anunciadas para esta semana, este luns o alcalde explicou que finalmente os museos volverán á actividade pública o martes 2 de xuño, mesma data que a adiantada semanas atrás para o MARCO. O Concello ultima as medidas coas se pretende asegurar ao máximo posible a seguridade tanto dos traballadores dos centros como do público asistente.

Abel Caballero deu conta doutras cuestións aprobadas o pasado venres na Xunta de Goberno Local, neste caso en materia de benestar e igualdade. Neste último, o Concello adxudicou por tramitación de emerxencia o contrato de servizo de aloxamento e manutención temporal de mulleres e fillos vítimas de violencia machista. Por importe lixeiramente superior aos 24.000 euros, a administración local continúa prestando este apoio durante a crise sanitaria. Desde o decreto do estado de alarma, 19 persoas precisaron deste servizo (trece mulleres e seis menores), que actualmente aínda utilizan sete persoas (seis mulleres e un menor).

No tocante ao benestar, e ante a apertura dos centros de servizos sociais, a Xunta de Goberno Local adxudicou o subministro de elementos de protección para os traballadores e usuarios destas instalacións, indicou o rexedor vigués.

Escolas infantís

Desde hoxe, e tamén segundo un acordo tomado o venres, é posible presentar solicitudes para as escolas infantís municipais, de forma telemática en escolas.vigo.org ou presencialmente no rexistro do Concello previa cita telefónica. O Concello oferta para o próximo curso 620 prazas en oito centros para menores de tres anos.

Os novos prazos para o próximo curso foron ratificados na Xunta de Goberno Local: desde este luns ata o 5 de xuño incluído para solicitar praza de novo ingreso, o 3 de xullo se publican as listas provisionais, con prazo para reclamar desde o 4 ao 12 do nomeado mes. A lista definitiva será coñecida o 17 de xullo e a matrícula poderá formalizarse do 20 ao 28, ambos incluídos.

Para o vindeiro curso, o Concello de Vigo oferta 620 prazas en oito escolas infantís: 72 en Costeira-Saiáns, 80 en Bouzas, 78 en Tomás Alonso, 72 en Santa Marta-Casco Vello, 82 en Atalaia-Teis, 76 en Santa Cristina-Lavadores, 78 en Mestres Goldar-Castrelos e 82 vacantes en Navia. O orzamento municipal para o funcionamento das oito instalacións ascende a millón e medio de euros.