Escoitar

O Concello retoma o luns o prazo para solicitar praza nas escolas infantís municipais

Suspendido o período polo coronavirus, desde este luns 25 de maio e ata o 5 de xuño, a administración presidida por Abel Caballero volve recibir solicitudes para optar a unha das 620 prazas nas escolas infantís municipais para o próximo curso escolar. As candidaturas, por vía telemática ou presencial con cita previa.

venres, 22 mai 2020

En sesión extraordinaria, a Xunta de Goberno Local decidiu este venres retomar os prazos para solicitar praza nalgunha das oito escolas infantís municipais (idades de cero a tres anos) para o próximo curso escolar.

O prazo abrírase o pasado 9 de marzo e quedou suspendido pola crise do Covid-19. Logo da aprobación deste venres, os interesados en optar a unha das 620 vacantes poden presentar a documentación desde este luns 25 de maio e ata o 5 de xuño, ambos incluídos, ben de forma telemática (en escolas.vigo.org), ben de forma presencial no rexistro do Concello solicitando por teléfono cita previa.

Para o vindeiro curso, o Concello de Vigo oferta 620 prazas en oito escolas infantís: 72 en Costeira-Saiáns, 80 en Bouzas, 78 en Tomás Alonso, 72 en Santa Marta-Casco Vello, 82 en Atalaia-Teis, 76 en Santa Cristina-Lavadores, 78 en Mestres Goldar-Castrelos e 82 vacantes en Navia. O orzamento municipal para o funcionamento das oito instalacións ascende a millón e medio de euros.

As escolas infantís do Concello ofrecen opcións horarias de mañá e tarde ou continuo, no caso de Costeira-Saiáns. O rango de prezos recollidos nas bases oscilan entre a gratuidade total e os 127 euros mensuais, en función da renda.

Outros acordos

A sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrouse este pasado xoves e Abel Caballero deu conta doutros puntos aprobados, entre os que se atopa unha addenda ao convenio asinado polo Concello con DOA, a Asociación de axuda ao enfermo mental, que eleva o apoio municipal á entidade dos case 7.300 euros anteriores aos 10.000 euros anuais, este e o próximo 2021. O programa de DOA co que colabora a administración local viguesa inclúe a realización de obradoiros de cartón-pedra, coiro e serigrafía.

O goberno vigués validou tamén a proposta de contratación de dous oficiais coidadores para VigoZoo, que realizarán tarefas de mantemento, vixilancia e control das instalacións da Madroa, e a transferencia de 125.000 euros (o 64% do orzamento) á Fundación VIDE para dinamizar o programa de promoción do deporte de base na cidade.

O Concello acordou asemade prorrogar as autorizacións para prestar este verán o servizo de quioscos nas praias viguesas. Desde xuño ata setembro, os establecementos estarán dispostos coma o pasado ano: un quiosco en A Punta, outro en Santa Baia, outro en Argazada, un na ETEA, dous en Tombo do Gato e no Vao, e tres en Samil.

Por último, o alcalde informou da aprobación do expediente de contratación da asistencia técnica á dirección das obras de humanización da Estrada do Porto, por importe de 100.000 euros. A remodelación desta rúa, froito dun convenio entre o Concello e a Deputación, conta cun orzamento de 3,3 millóns de euros e os traballos comezaron o pasado mes de febreiro.