O alcalde coordinará coa Deputación e Zona Franca a reconstrución económica e social da cidade
Abel Caballero reuniuse este venres con Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e con David Regades, delegado especial de Zona Franca, para “poñer en común a reconstrución da economía e o apoio social en Vigo”, de forma inmediata e a medio prazo.
Segundo explicou o rexedor, as tres institucións van levar adiante un “proceso conxunto de recuperación da economía de Vigo e da acción social, incorporando a representantes e delegados do Goberno de España en Galicia para cooperar nesta reconquista da economía da cidade”.
Así, Caballero explicou que coordinará a actuación de tódalas institucións que teñen que ver coa economía e o ámbito social no prazo inmediato para a reconstrución e o relanzamento da economía de Vigo e tamén co propósito de “comezar a deseñar a recuperación a medio prazo do solo industrial con Zona Franca, a acción común coa Deputación e a actuación co Goberno de España nos seus ámbitos de competencia”.
O alcalde valorou a importancia de “camiñar con Zona Franca, Deputación e Goberno de España ao lado” neste proceso de recuperación trala pandemia.