Escoitar

O Concello adxudica o programa de Coidadores de Barrio cun orzamento de máis dun millón de euros

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación da prestación do servizo que cubrirán 34 coidadores en toda a cidade para axudar a persoas que precisen axuda para actividades cotiás. O goberno local concedeu 34 axudas de emerxencia por valor de 8.630 euros.

xoves, 21 mai 2020

O alcalde informou da adxudicación a Cormo Integral, por un período de dous anos, do programa de Coidadores de Barrio que ten un orzamento de 1.080.000 euros e cuxo o obxectivo é a mellora da calidade de vida das persoas da cidade.

Trátase dun programa de acción social que presta de forma gratuíta o Concello a aquelas persoas que o precisen e que deben demandalo. Os destinatarios son, principalmente, persoas maiores, que necesitan axuda para realizar a comprar, ir á farmacia, dar un paseo ou acudir ao médico.

O programa contará con 34 coidadores de barrio prestando o servizo, que son persoas en situación ou risco de exclusión social e con especiais dificultades para acceder ao emprego. O servizo cubrirá os 12 meses do ano, algo que non acontecía ata agora, polo que se garante a prestación ininterrompida de luns a venres, en horario de mañá e tarde, coa excepción do verán, que será soamente pola mañá. A previsión é que comece a finais de xuño.

Axudas sociais e denuncias

No ámbito social, o Concello entregou na última xornada 34 axudas de emerxencia por un importe de 8.630 euros. O número de persoas sen teito aloxadas é de 110, un descenso respecto a semanas anteriores.

O alcalde deu conta dos controis realizados este mércores pola Policía Local realizados para garantir o cumprimento do estado de alarma nos que denunciaron 10 persoas e controlaron 21 terrazas, das que non se cursou denuncia algunha. Das intervencións realizadas, destacou o caso dalgunhas persoas que estaban tomando o sol na praia con nenos ou mocidade reunida na rúa sen cumprir as distancias de seguridade.

Lembrou ademais, Caballero, que o goberno municipal traballa na ampliación das terrazas que se soliciten, sempre que sexan compatibles co tránsito de peóns.