O Concello convocará aos sindicatos a próxima semana para tratar a recuperación económica
O alcalde valora a importancia da primeira reunión, celebrada onte, co comité asesor para a recuperación e puxo en valor o Pleno telemático no que a “clase política da cidade estivo á altura” do que demanda Vigo nestes momentos.
Tras a primeira convocatoria celebrada onte, o rexedor avanzou que a próxima semana, con toda probabilidade o martes, manterá un encontro por videoconferencia con representantes sindicais, como parte das reunións que manterá con tódolos sectores da cidade. Así, xa deu instrucións aos concelleiros para convocar a tódolos sectores: turismo, hostalería, comercio de proximidade, construción, axencias, despachos profesionais, industria, naval, automóbil, medios de comunicación e cultura porque “temos que facer conxuntamente o deseño”.
Sobre a primeira reunión do comité asesor para a recuperación económica Caballero sinalou que “superou as miñas expectativas” e constatou entre os participantes as ganas de reanudar a actividade, a completa disposición para axudar, o coñecemento de dificultades así como a necesidade de liquidez e de manter o investimento público. Foi, dixo, unha “importantísima reunión” na que estaba representada toda a economía de Vigo e que “non ten precedentes na historia da cidade”. Para o alcalde o mellor plan de recuperación é un que “sexa compartido”, froito do consenso e o acordo, tal e como quedou de relevo na xntanza deste xoves.
Así mesmo, Abel Caballero transmitiu á cidade o seu “orgullo” polo Pleno telemático, celebrado onte, no que “a clase política da cidade estivo á altura da demanda; temos un nivel político local que amosou unha enorme capacidade de facer política. Quero valorar a todos grupos e aos 27 concelleiras e concelleiros que fomos capaces de demostrar que hai que ir nun proceso de unidade, especialmente nestes momentos nos que “a cidade está inqueda, preocupada” con moitas persoas sufrindo. Amais, tendeu a man á Xunta de Galicia dado que “a cidadanía quere vernos xuntos e eu ofrézoo” e referiuse a relación fluída do Concello de Vigo co Goberno central.