Declaración institucional ante a crise do coronavirus
O Pleno do Concello aproba por unanimidade a declaración que previamente aprobou a Federación Española de Municipios e Provincias baixo o lema “Queremos participar na construción deste novo futuro”.
Os gobernos locais, diante da crise xerada polo contaxio do COVID-19, queremos dirixir a seguinte Declaración Institucional á cidadanía, e tamén ao resto de administracións, dende a convicción de que temos que unir forzas para superar a situación actual.
Estamos a vivir unha situación excepcional. Todos os días comprobamos as consecuencias na nosa vida da pandemia COVID-19 e o alcance que teñen e terán no presente e no futuro da nosa sociedade. Estamos ante un momento transcendente da nosa historia e debemos estar á altura da responsabilidade colectiva e individual. Por este motivo, debemos comezar insistíndolle á cidadanía que cumpra as indicacións que as autoridades sanitarias e, en xeral, as institucións, adoptamos para a prevención e erradicación de COVID-19.
A nosa prioridade debe ser cortar eficazmente a cadea de transmisión do virus e para iso é necesario que todos apoiemos as recomendacións das autoridades sanitarias. Só coa colaboración e solidariedade de todos os que poderemos frear a propagación desta pandemia.
Dende o mundo local solicitamos a todas as administracións que as medidas que se están a tomar a curto prazo teñan como eixo central e prioritario a saúde das persoas, especialmente das máis vulnerables, e a adecuación das infraestruturas sanitarias para que o persoal dos centros hospitalarios poidan desenvolver o seu traballo con garantías.
Agora máis ca nunca, chegou o momento de estar ao servizo das cidadanía. Por un lado, xunto ás persoas que antes da crise do COVID-19 xa era vulnerable e recibiu a axuda das administracións en todos os ámbitos. Agora debemos reforzar estas liñas de actuación e, ao mesmo tempo, posibilitar mecanismos que permitan a súa atención preservando a saúde dos profesionais da esfera social.
Por outra banda, tamén temos que estar ao carón de todas aquelas persoas que, como consecuencia desta crise, quedarán sen traballo. E por este motivo, debemos dotarnos de recursos e axudas para protexer ás familias necesitadas. Só desde unha visión sensible coas persoas e grupos máis expostos poderemos garantir unha saída real e xusta desta crise.
Ao mesmo tempo, e no ámbito económico, é necesario lexislar para crear as condicións idóneas que permitan aos autónomos, pequenas e medianas empresas e, en xeral, ao tecido produtivo do noso país, ter un horizonte de recuperación rápida cos menores custos posibles para recuperar a normalidade canto antes. As administracións competentes deben ser contundentes para fortalecer a reactivación económica do noso tecido empresarial.
As entidades locais son a administración máis próxima á cidadanía, a primeira porta de acceso ás peticións da veciñanza e os que xestionan e dirixen a maior parte das decisións tomadas por outras Administracións. Nestes momentos, máis ca nunca, é necesaria a coordinación total, dende a complicidade institucional e a lealdade. Necesitamos, por isto, ter instrumentos eficaces para responder a todas as situacións que está xerando esta crise.
Por este motivo e para o beneficio da cidadanía das nosas vilas e cidades, desde o mundo local reclamamos poder empregar o noso superávit no 2019 sen limitación algunha, flexibilizando con isto a rixidez da regra de gasto e da estabilidade orzamentaria para contribuír cos nosos aforros a cubrir as necesidades das persoas máis vulnerables e para completar a subministración de material eficaz dos servizos que o fagan posible. Tamén pedimos que se apliquen as medidas reguladoras para que as autoridades locais poidan tomar decisións coa máxima inmediatez que demandan estas circunstancias.
Queremos subliñar, xa que así se establece no artigo 137 da Constitución Española, que os concellos somos Estado. Porén, desde a responsabilidade que supón a afirmación anterior, os remanentes que as entidades locais xeraron desde o ano 2012, grazas a unha xestión responsable e a un firme compromiso con España, pertencen ás Corporacións Locais; sendo elas as únicas que teñen o dereito, exclusivo e excluínte para decidir como xestionalas e aplicalas nas actuais circunstancias para combater o coronavirus e reactivar a economía dos seus municipios e provincias a partir do día seguinte.
Debemos felicitarnos polos datos recentes do superávit dos gobernos locais que demostramos o noso empeño de que España poida cumprir os obxectivos marcados por Bruxelas de estabilización orzamentaria e sustentabilidade financeira. Por oitavo ano consecutivo, Concellos, Deputacións, Cabildos e Consells insulares presentan un superávit nos seus balances, este ano de 3.839 millóns de euros, o que representa o 0,31% do PIB.
Queremos participar e estar presentes nos programas de acción estatal e autonómicos cuxos destinatarios sexan as Entidades locais e tamén esiximos que os novos Fondos e Iniciativas Europeas 2021-2027 se reorienten e adapten á reconstrución das economías locais. É necesario que a normativa que nos afecta ás autoridades locais nos empodere, de maneira que poidamos ter as ferramentas e a adaptabilidade necesaria para as demandas ás que haberá que facer fronte nos próximos meses e anos consecuencia da parálise de COVID-19.
Os gobernos locais non son meros destinatarios e executores das políticas europeas, estatais ou nacionais, queremos ser escoitados, compartir os retos e participar con eficacia na toma de decisións a partir do diálogo e do acordo. Queremos participar na construción deste novo futuro.
Un futuro que debe estar ancorado en principios recoñecidos pola Constitución Española como a liberdade de empresa, cuxo exercicio debe estar garantido e protexido polos poderes públicos, ao igual que a defensa da produtividade.
Finalmente, queremos amosar o noso apoio e expresar o noso sentimento ás persoas e familias que perderon aos seus seres queridos; desde aquí, todo o ánimo para os que se viron infectados por COVID-19 e están illados na casa ou ingresados en hospitais.
Ao mesmo tempo, o máis sincero agradecemento a quen traballa nos servizos esenciais para garantir a resposta en momentos difíciles; especialmente para todos e todas os profesionais da saúde, as forzas e corpos de seguridade, con recoñecemento expreso do papel que xogan os axentes da Policía Local, bombeiros e traballadores de emerxencias que, cunha dedicación digna de eloxios funciona para reverter esta situación: servizo de limpeza de rúas, recollida de lixo, iluminación de auga, axuda no fogar, servizos sociais, transporte, etc.
O espírito e entrega de todos eles é o mellor sinal de que o compromiso co servizo público vai máis alá das responsabilidades laborais para converterse nun modo de vida, un compromiso persoal que honra a todos os que temos a honra de traballar ao seu carón e contar con elas e eles. Ese compromiso xunto coa tenacidade, valentía e coraxe da cidadanía é o que nos fai estar seguros de que, máis cedo que tarde, a nosa sociedade sairá cara adiante.
Agora máis ca nunca, traballando xuntos e dando o mellor cada un, faremos realidade a nosa firme convicción de que xuntos sairemos disto.